Aldea Global | A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride.
Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halond a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Na intervención por videoconferencia, o xornalista lembrou a personalidade da escritora homenaxeada, Luisa Villalta, para facer logo fincapé nos dezaseis lucenses que recibiron ata agora a honra de serlles dedicado o Día das letras, e subliñando catro dos nomes que agardan por un Día no futuro: Avelino Díaz, de Meira; Carmiña Prieto, de Vilalba; Manuel Rodríguez de Paradela, e Fiz Vergara Vilariño de Samos.
O grupo de Amigos do Camiño, que percorre Vietnam na súa viaxe cultural anual, ten celebrado o Día das Letras en lugares como Bulgaria, Sicilia, Rumanía ou Xordania, por coincidir estas viaxes coa Festa Galega da escrita e da fala.