Vigo acollerá a manifestación nacional do Día das Mulleres o vindeiro domingo 4 de marzo

O lema será ‘Para transformar a vida das mulleres: folga de coidados, folga laboral e folga de consumo’, en apoio á convocatoria do propio día 8 de marzo

Vigo | Mulleres, colectivos e plataformas de toda Galicia, organizadas na Asemblea Galegas 8M, convocan este ano a Manifestación Nacional Galega do Día das Mulleres​, que terá lugar en Vigo ​o domingo 4 de marzo.

​O percorrido arrancará ás 12:00 dende a Vía Norte (esquina con Urzaiz) e rematará coa lectura do manifesto na Praza do Berbés.

Neste lugar está previsto un xantar e as seguintes actuacións: un ​recital poético a cargo de Lupita Hard, Nuria Vil, Elvira Riveiro, Silvia Penas e Marta da Costa, co acompañamento de DJ Señora, e a continuación as actuacións musicais de Su Garrido, As Punkiereteiras e As Ghatas Salvaxes. Tamén haberá un espazo para as crianzas.

Por primeira vez, a mobilización descentralízase e sae da capital galega, coa intención de artellar e fortalecer redes ​entre as mulleres do país e apoiar e amosar a forza do movemento feminista noutros lugares. O obxectivo a longo prazo é espallar aínda máis esta convocatoria e darlle nos vindeiros anos un carácter rotativo, achegándonos así a outros puntos do país.

Transporte a Vigo

A organización da manifestación está traballando para poñer a disposición de todas as persoas que queiran achegarse a Vigo o 4 de marzo varios autobuses en cada provincia​, de ida e volta, que serán gratuítos ou a un prezo simbólico​.

O obxectivo é facilitar que o maior número posible de persoas poida vir sen ter que poñer os seus propios recursos, minimizando tamén a nosa pegada ambiental. Polo de agora, hai previstas máis de 10 rutas con paradas intermedias. A reserva de prazas está aberta ata o martes 27 de febreiro e realízase a través do formulario de transporte que se atopa no noso blog oficial: https://galegas8m.wordpress.com/transporte-a-vigo/.

Folga de Mulleres

A elección do 4 de marzo, fin de semana previa ao propio día 8, responde á nosa implicación no Paro Internacional de Mulleres, impulsado por feministas de todo o mundo e secundado en Galicia co respaldo das organizacións sindicais. Queremos que a manifestación nacional de Vigo sirva para darlle aínda máis apoio a esta gran aposta que é a Folga de Mulleres.

A Folga de Mulleres non será só a nivel laboral​, se non tamén de coidados e de consumo, pretendendo visibilizar a importancia dos traballos non remunerados que recaen normalmente nas mulleres (coidado de crianzas, xestión das compras no fogar, coidado das persoas maiores….). Queremos romper a fenda salarial no eido laboral e reivindicar que os coidados deixen de estar feminizados​, que se poñan no punto de mira e se equilibren. Entendemos que deberían ser responsabilidade de toda a sociedade, ​tanto dos nosos compañeiros homes como das institucións.