Pontevedra | A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, reuniuse no Pazo provincial con Julio Molina e Mª José Villamarín, presidente e vicesecretaria da Confederación Estatal de Asociaciones Vecinales, e con Fernando Rois, presidente da Confederación Galega de Asociación Veciñais.
Durante a xuntanza, a vicepresidenta e os dirixentes da confederación afondaron no movemento asociativo veciñal e na súa situación actual, así como tamén abordaron vías de colaboración conxunta.
No marco destas liñas de colaboración, Marta Fernández-Tapias ofreceu as instalacións da sede de Vigo para acoller o Consello Confederal da Confederación Estatal de Asociaciones Vecinales, o segundo órgano máis importante da entidade trala asemblea, que terá lugar os días 24 e 25 de febreiro e converterá á cidade olívica no epicentro do movemento veciñal estatal.
Ademais, durante a xuntanza, a vicepresidenta tamén foi convidada á presentación da “Guía Veciñal de Rehabilitación”, elaborada polo Confederación Estatal de Asociaciones Vecinales a través dun convenio co Colexio Superior de Arquitectos de España, que terá lugar o 24 de febreiro ás 12:00 horas na delegación de Vigo co Colexio de Arquitectos de Galicia.