Vigo | A Plataforma Cívica de Vigo Pro_Palestina convoca para este xoves 17 de outubro ás 18 h na Porta do Sol unha concentración no Aniversario do bloqueo sobre Gaza. O pasado 9 de outubro de 2024 cumpriuse 1 ano desde o inicio do bloqueo total imposto por Israel sobre a Franxa de Gaza. En lembranza desta tráxica data, a Plataforma Cívica de Vigo Pro Palestina organiza unha concentración para denunciar a grave crise humanitaria que segue afectando a máis de 2,2 millóns de persoas atrapadas en Gaza.
Durante o evento levarase a cabo a construción simbólica dun valado ou muro de caixas de cartón e colocaremos un mosaico para representar o bloqueo e a privación de recursos básicos á poboación civil de Gaza. O bloqueo provocou unha deterioración extrema das condicións de vida en Gaza, afectando gravemente a saúde, o acceso á auga potable e a alimentación, mentres que os bombardeos israelís seguen causando a morte de miles de civís.
Desde o 9 de outubro de 2023, máis de 42.000 palestinos, incluídos máis de 17.000 nenas e nenos, perderon a vida a causa dos ataques, segundo informes de organismos de dereitos humanos. Esiximos:
– O levantamento inmediato do bloqueo sobre Gaza.
– O restablecemento da subministración de electricidade, auga, alimentos e combustible.
– O acceso a corredores humanitarios para permitir a chegada de axuda esencial.
Dende Vigo, unímonos ao clamor internacional pola xustiza e a paz, esixindo o fin do castigo colectivo e o respecto dos dereitos humanos do pobo palestino. Convidamos á cidadanía viguesa a unirse a esta manifestación pacífica en solidariedade con Gaza e o seu pobo. Non máis bloqueos! Non máis crimes de guerra!.
Organizacións que integran a Plataforma: Comisión Cidadá Vigo-ProPalestina, CC.OO., UGT, Esquerda Unida, Podemos, Recortes Cero, Movemento Sumar Galicia, Alianza Verde, Amigas da Terra, Foro Cívico, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, DIEM25, Asociación Cidadá Fernando Hoyos, Mundo Sen Guerras e Sen Violencia, Parroquia Cristo da Victoria e Pertenza.