A cidade de Vigo adoece de problemas diversos. Un deles é a conxestión do tráfico rodado e a polución derivada do uso excesivo do vehículo privado. Na cidade olívica hai unha concentración de PM2,5 en Vigo é 16 (µg/m³) en diversas áreas do noso territorio urbano.
As partículas PM2,5 pódense acumular no sistema respiratorio das persoas que habitan na nosa cidade e devanditas partículas en suspensión están asociadas, cada vez con maior consistencia científica, con numerosos efectos negativos sobre a saúde, como o aumento das enfermidades respiratorias e a diminución do funcionamento pulmonar. Os grupos máis sensibles –nenos, anciáns e persoas con padecementos respiratorios e cardíacos– corren máis risco de sofrer os efectos negativos destes axentes contaminantes.
Os numerosos atascos, o elevado consumo do espazo urbano para os coches aparcados e para as calzadas, e a mala calidade do aire son sinais inequívocos de que necesitamos reforzar a conectividade ambiental (redes e pasarelas ciclistas-peonís, transporte público…) e reducir o tráfico de automóbiles individuais en Vigo e arredores.
Durante os confinamentos por mor da pandemia do coronavirus, cando o tráfico de coches reduciuse enormemente, tivemos ocasión de experimentar o fermosas que podían ser as nosas cidades. Diversos estudos indican que nas rexións do mundo que sofren unha grave contaminación atmosférica, o número de mortes por COVID-19 foi tamén maior que noutras rexións.
Vigo vai implantar en catro áreas da cidade a súas Zonas de Baixas Emisións (ZBE), ás que non poderán acceder os coches máis contaminantes. Esas Zonas de Baixas Emisións (ZBE) vanse multiplicado nas diferentes vilas e cidades debido á entrada en vigor da Lei do Cambio Climático e Transición Enerxética, que establece que, en 2023, as cidades de máis de 50.000 habitantes van ter que contar con Zona de Baixas Emisións (ZBE); aínda que tamén se inclúen aqueles municipios con máis de 20.000 habitantes que superen os niveis de contaminación permitidos. En total, serán 149 localidades ás que vai afectar esta medida e unha delas é Vigo.
“Paréceme necesario que o Concello de Vigo reordene os espazos públicos, afastándonos da ‘cidade amiga dos coches’ cara á ‘cidade amiga da xente”
Paréceme necesario que o Concello de Vigo reordene os espazos públicos, afastándonos da “cidade amiga dos coches” cara á “cidade amiga da xente”, con obxecto de garantir unha mobilidade cómoda, alcanzable, segura e fiable para todos e todas. O transporte público é de feito un “espazo público” que pertence á colectividade. Porén Vigo é unha cidade chea de baldosas e con escasas zonas verdes e moi poucos parques con árbores e vexetación.
A zona de Porta do Sol converteuse en peonil, pero non nunha Zona de Baixas Emisións (ZBE). As Zonas de Baixas Emisións son áreas onde só está permitida a circulación de vehículos pouco contaminantes e son un camiño imprescindible para rexenerar o aire das cidades, pero non son equiparables a unha rúa peonalizada.
É necesario lembrar que Vigo é a terceira cidade galega con peor índice de vexetación urbana. Así o salienta a clasificación elaborada por ISGlobal, un estudo que engloba a 978 cidades e 49 grandes cidades (áreas metropolitanas) en 31 países europeos e que indica que en Vigo poderíanse evitar 61 mortes cada ano se se cumprisen de xeito estrito as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) en canto á calidade do aire urbano.
Vigo está moi lonxe das posicións de cabeza na clasificación de cidades de Galicia en canto á calidade e abundancia de parques con árbores, espazos naturais e zonas verdes. Os únicos parques arborizados de grandes dimensións que toda a cidadanía viguesa coñecen son o Castro e Castrelos. E o peor é que recentemente producíronse actuacións urbanísticas que resultan preocupantes.
Un exemplo desas desafortunadas actuacións é instalación das ramplas de Gran Vía, cuxa instalación vai asociada á derriba de árbores de gran porte que estaban situados no lateral da mencionada zona da cidade. Os numerosos tronzados de exemplares de castiñeiros de India foron o obxectivo das motoserras dos empregados municipais do Concello de Vigo.
Outro proxecto cuestionable é a idea de construír un Macroparque Infantil que ocupará aproximadamente un 80% dunha praza que ten unha zona verde, e iso levará a desaparición das árbores existentes e das zonas verdes, polo que a cidade perderá ese espazo de lecer e esparexemento cidadán.
“É necesario ampliar os espazos verdes, crear Zonas de Baixas Emisións (ZBE) e mesmo crear Zonas de Cero Emisións (ZCE)”
É necesario ampliar os espazos verdes, crear Zonas de Baixas Emisións (ZBE) e mesmo crear Zonas de Cero Emisións (ZCE), porque a nosa cidade e o conxunto do planeta non poden esperar. A cidadanía viguesa e a xente ao redor do mundo deben unir forzas para darlle voz á loita global contra o cambio climático.
Esa emerxencia planetaria é o reflexo do cambio climático e as súas vastas e devastadoras consecuencias, que inclúen o aumento no nivel do mar, o aumento das temperaturas globais, o incremento acelerado dos incendios forestais e as secas, así como o desprazamento humano forzado en masa en numerosas áreas da Terra.
É urxente atallar a actual emerxencia climática e moitas persoas de Vigo e outros lugares do mundo traballamos cada día para facer posible un cambio que pare ou minimice o cambio climático. É o momento de defender un Vigo cun medioambiente saneado, con moitas zonas verdes, cun aire limpo, con moitos parque, con máis carrís bici e con moitas Zonas de Baixas Emisións, porque Vigo e o planeta non poden esperar.