Vigo | O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Plácido Castro. Unha Galicia soñada, no Museo do Mar de Galicia, onde destacou “a súa faceta de pintor menos coñecida dentro da súa traxectoria vital como sinalado intelectual do século XX”. Trátase dunha mostra que, tal e como explicou, materialízase a través da colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Plácido Castro.
Durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a figura do artista, natural de Corcubión, e destacou “a sensibilidade pola cultura mariñeira que expresan as súas pinturas”. Tal e como salientou, a través desta mostra, que conta cun total de 82 acuarelas, “podemos descubrir a calidade artística deste persoeiro, que ilustrou as paisaxes galegas de localidades da Costa da Morte e Muxía, ou das Rías Baixas como Vigo ou Cambados”.
Neste senso, destacou a ampla programación que a Xunta está a ofrecer nos museos galegos tanto durante estas festas de Nadal, como de cara ao vindeiro ano. Así, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé no compromiso do Goberno autonómico por continuar promovendo iniciativas relacionadas coa arte, ademais doutras actividades de lecer que completen a diversa oferta cultural da Comunidade.
Un artista polifacético
Unha Galicia Soñada, que estará aberta ao público ata o 2 de marzo e completarase coa publicación dun catálogo, amosa a faceta máis descoñecida deste artista como pintor e debuxante do que destacan a calidade das súas obras. Plácido R. Castro (Corcubión, 1902-1967) foi un artista polifacético que sumou unha actividade cultural ampla ao longo da súa vida.
Etnógrafo en Irlanda, tradutor de poesía inglesa de vangarda ao galego, locutor dun programa popular da cadea de radio británica BBC ou correspondente do xornal El Pueblo Gallego e do Journal de Noticias de Porto en Londres.
Tamén impulsou a creación das Irmandades da Fala e foi un dos fundadores do Partido Galeguista en 1931. Á súa produción pictórica súmanse multitude de obras como ensaísta e poeta. Ademais, avogou por un turismo cultural respectuoso coa paisaxe e por elo atópase no centro da creación, nos anos 60, de festas tan recoñecidas como a do Albariño de Cambados e da Romaría Viquinga de Catoira.