Vigo | A Zona Franca xa ten orzamentos para 2025, converténdose así na primeira administración que dá luz verde ás súas contas para o próximo ano. Este mércores, o Pleno do Consorcio deu luz verde ao documento que inclúe un ambicioso programa de investimentos na área de Vigo de máis de 78 millóns de euros, (78.462.687 €), co obxectivo de seguir impulsando o desenvolvemento económico e a xeración de emprego.
O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, expresou a súa satisfacción “porque seguimos sendo o principal axente investidor na nosa área de influencia”. Regades cualificou os orzamentos de 2025 como “altamente investidores a fin de seguir apostando por dar servizos para o desenvolvemento das empresas, a potenciación de novos negocios, o emprendemento e as sinerxias público-privadas que, en definitiva, farán aínda máis competitiva a área de Vigo”.
Ademais das actuacións previstas relacionadas coa dotación de chan para o impulso de actividades empresariais, que ascenden a 6,3 millóns de euros e que supoñen a expansión da institución para dotar de parques a concellos como A Cañiza ou Cuntis, o programa de investimento, por máis de 72 millóns, supoñerá a consolidación de proxectos xa en marcha.
Entre eles, a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL) de Valladares e a de Balaídos, que ademais no seu caso incluirá novas e importantes obras en infraestruturas, (18 millóns); a mellora e modernización do Polígono de Bouzas (2,5 millóns); a finalización das novas naves para poñer ao dispor das empresas en Porto do Molle (965.000); actuacións en infraestruturas na Plisan (3,1 millóns); a construción de naves no PTL que se destinarán ao proxecto SPARC de produción de semiconductores (1,7 millóns); ou o aparcamento da Balsa-VG20.
En canto ás intervencións urbanas previstas nas contas do próximo ano tamén figuran a construción do edificio de oficinas que albergará o World Car Center (9,5 millóns de euros); o edificio para a Asociación Down Vigo; o Centro de Negocios de López Mora (6,8 millóns); así como importantes actuacións de eficiencia enerxética nos parques empresariais, entre as que destaca o proxecto para a produción de enerxía fotovoltaica e de hidróxeno verde no Polígono de Bouzas cun investimento estimado de 7 millóns de euros.
O investimento no proxecto de recuperación das instalacións da Panificadora e un novo centro de negocios en Redondela, entre outras actuacións, completan o programa orientado fundamentalmente á creación de dotacións para o crecemento e a mellora da competitividade empresarial.
Debido á dimensión de moitos dos proxectos que xa están en marcha as actuacións incluídas nestes orzamentos teñen carácter plurianual polo que a estimación prevista para o próximos catro anos en actuacións de chan industrial e investimentos en activos fixos ascende a un total de 297 millóns de euros.
Un ano máis, o Consorcio da Zona Franca de Vigo confirma a súa solvencia xa que financiará o seu programa de investimentos para 2025 con recursos propios sen recorrer ao financiamento alleo nin a endebedamento algún. Como é habitual, os orzamentos remitiranse agora a Madrid para ser incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado.