Vigo | O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, deu inicio este 1º de febreiro nos xardíns da praza Celso Emilio Ferreiro, próximo á sede do BNG de Vigo, á pegada virtual de carteis coa imaxe da candidata Ana Pontón de cara á campaña electoral para as autonómicas 18F.
Bará estivo acompañado do voceiro local Xabier Pérez Igrexas, así como de representantes orgánicos e institucionais do BNG. O voceiro dos nacionalistas vigueses comezou o acto asegurando que “Vigo será a chave para abrir un tempo novo en Galicia” que permita a Ana Pontón “converterse na primeira muller en ocupar a presidencia da Xunta de Galicia”.
Pola súa banda, Bará asegurou que “hoxe comeza a conta atrás para o cambio na Xunta” e que este 18F será un “voto histórico” para o BNG: “imos superar a histórica votación de 1997 con máis de 400.000 votos. Faremos a mellor campaña da historia” que permita ese cambio no goberno galego. Segundo Bará, para posibilitar este “novo tempo na Galiza” fan falla dúas cousas: “unha mobilización masiva de electores e o voto para o BNG”.
En canto ás propostas para Vigo dentro desta campaña, o cabeza de lista provincial indicou a necesidade de “cambiar a política de confrontación estéril coa Xunta por unha de maior cooperación. Con Ana Pontón, a Xunta será aliada de Vigo”. Defendeu a política de facer da cidade olívica un “polo científico e tecnológico” que, ó mesmo tempo, teña esa “relación privilegiada con Portugal”.