Ourense | A sétima edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera 2023 daralles a coñecer a ourensáns e visitantes, desde o día 21 de abril até o 1 de maio, a riqueza gastronómica da cidade a través de cincuenta petiscos elaborados por outros tantos establecementos hostaleiros da cidade.
Gañadores da edición anterior, organizadores e patrocinadores, posaron na praza do Ferro para dar inicio a esta cita organizada pola Concellería de Turismo e Termalismo e desenvolvida pola Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO).
Nesta edición participan cincuenta locais, na súa maioría emprazados no Centro Histórico (29), pero tamén no Ensanche (8), na avenida de Bos Aires (4), no barrio de San Francisco (3), na zona universitaria (2), no barrio da Ponte (2), na zona do Hospital (1) e no barrio do Couto (1). Os pinchos varían entre os 2,50 € e os 3,50 €, con alternativas para persoas celíacas, e participar na votación do público pode ter premio. O cartel é obra da lucense Marta Castro, do estudio Hei Castro.
Na foto, representantes de A Casa do Pulpo, Atarazana, Javier Outomuro (presidente da UHO), Nuria Colmenero, responsable de restauración e seguridade alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, Fuentefría (Pepe Callos co pincho Fume de mar), e Juan Manuel Casares, presidente da denominación de orixe Ribeiro.