Verín | O Festival Internacional de Curtas de Verín – Vía XIV presentou auditorio municipal verinense a súa sétima VII edición, nunha rolda de prensa na que participou a deputada Patricia Torres xunto ao alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza; e Carlos Montero, director dun festival que se celebrará do martes 30 de agosto ao domingo 4 de setembro co patrocinio da Deputación de Ourense.
Gerardo Seoane, alcalde de Verín, destacou que para o Concello “é unha honra apoiar este evento”. Na opinión do rexedor, “o FIC Vía XIV constitúe un perfecto exemplo de resiliencia cultural: telo visto nacer e medrar, afrontar con éxito as dificultades saíndo airoso de cada nova edición e non deterse, aínda nos tempos de pandemia, supón un verdadeiro orgullo para Verín”.
Carlos Montero explicou que o FIC Vía XIV vén evolucionando cara a un modelo de festival mais participativo, cun maior número de actividades para todos os públicos e cunha selección oficial de curtas a concurso máis reducida e concentrada en catro días. “Serán 18 curtas, encadradas en tres categorías -Horizontes, A Raia e Nova- dunha altísima calidade, procedentes dunha ducia de países”, sinalou o director do festival.
Emilia Somoza, edil de Cultura, agradeceu a todo o equipo de traballo que fai posible o FIC Vía XIV “a súa implicación e esforzo, edición tras edición” e manifestou a súa ledicia porque o “festival retome este ano o seu camiño inicial de cara a converterse nun auténtico contedor cultural”.
Actividades paralelas
O Festival Internacional de Curtas de Verín arrincará a súa VII edición o martes 30 de agosto. Farao cun acto inaugural na Praza Maior de Verín. Tras o acto de inauguración, o trío Casperverk musicalizará en directo o filme “The Cameraman”, de Buster Keaton.
Paralelamente, no marco da axenda do FIC Vía XIV de Verín, terá lugar unha actividade paralela dirixida pola narradora oral Raquel Queizás, quen actuará para os cativos e cativas da comarca para descubrirlles o cinema a través da actividade “Sopa cómica”.
O Festival, que terá como festival convidado ao Galician Freaky Film Festival, porá de novo o foco nun dos seus piares fundamentais: o Entroido. Nesta ocasión, farao a través de narrativas menos convencionais. Dunha banda, proxectarase unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido dende unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións ao redor do mundo. A sesión finalizará cunha curta filmada a comezos do século pasado en Laza. Doutra banda, representarase a performance “Carrilano KaoS” de Álvaro Rúa con Gaita en Dó con técnicas estendidas, na que colaborarán o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro.
Entre as actividades paralelas do festival tamén destaca a proxección de “Mauthausen, regreso ao campo da morte”, dirixido e guionizado hai máis de tres décadas polo xornalista e historiador galego Manolo Torrente, e que aborda a historia de dous galegos que conseguiron saír con vida de Mauthausen: Enrique Doval,e Xaquín Balboa.
Ademais, ao longo de toda a semana, o Espazo Roombo, habilitado en colaboración entre a Asociación Cultural Vía XIV e a empresa local patrocinadora Roombo, acollerá no exterior do Auditorio de Verín actividades relacionadas coa música, a gastronomía ou os encontros profesionais.
A gala de clausura terá lugar o domingo 4 de setembro no auditorio de Verín e estará conducida pola xornalista local Esther Estévez, presentadora do programa da Televisión de Galicia “Dígocho eu” e recentemente distinguida como Mellor Comunicadora na Gala dos Premios Mestre Mateo.