Xunqueira de Espadanedo | A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu en Xunqueira de Espadanedo ao VII Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia, onde destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa colaboración en programas formativos e divulgativos das diferentes olerías galegas.
O obxectivo é garantir o relevo xeracional e contribuír a manter este oficio tradicional vencellado co territorio e a identidade galega.
Fabeiro fixo esta reflexión durante a súa intervención na mesa-debate Pasado, presente e futuro da olería, onde tamén quixo facer especial fincapé no importante factor económico que desenvolve o sector artesanal en Galicia.
O VII Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia, que estará dispoñible ata mañá no Museo da Olería de Niñodaguia, conta coa colaboración do Goberno galego e inclúe demostracións de distintos profesionais para grupos reducidos –tanto para público infantil como adulto–; visitas guiadas ao museo; e unha exposición de fotografías de José Suárez, que estará aberta ata o 17 de outubro.