VIII Xornada de convivencia dos voluntarios de Protección Civil en Ribadavia

Setenta agrupacións de Galicia reunironse na Casa da Cultura

Ribadavia | O acto inaugural da VIII Xornada de Convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil reuniu en Ribadavia ao redor de 500 persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia.

Ademais de lembrar a época laboral na que estivo ao fronte das Emerxencias en Galicia, o presidente da Diputación, Luís Menor Pérez, recalcou que esta xornada é “a mellor que hai en España”: tanto pola cantidade de xente que xunta e que está relacionada coas emerxencias, como pola calidade das actividades, da coordinación e dos lazos de convivencia que se fan entre os participantes.

Neste sentido, o presidente dixo sentirse “orgullo” de que isto ocorra en Ourense e faga que esta provincia estea “extraordinariamente segura”. Este acto de apertura demostra o “poder que ten a organización para congregarnos a todos nós aquí” dando boa conta que esta Xornada está “arraigada na nosa sociedade”, dixo Luis Menor, quen comprometeu a súa “implicación persoal” para facer que esta xornada “non só se manteña, senón que se supere cada ano”.

Así mesmo, dixo que esta xornada tamén permite que desde as administracións como desde a sociedade civil “se recoñeza o voso traballo e esforzo, que realizades a cambio do orgullo de axudar aos demais”. Un traballo, que como lembrou Luís Menor, é fundamental para poder acometer moitos dos operativos de emerxencias que acontecen no territorio.

Por elo, desde as administracións “debemos estar á altura dese traballo, como así o fai a Xunta, xa que a Comunidade de Galicia é a que máis colabora coas Agrupacións de Protección Civil”. E, ao fío dese compromiso das administracións, Menor Pérez lembrou que o apoio da Deputación é unha realidade que se reforzou coa “posta en marcha, por primeira vez, dunha nova liña de axudas para colaborar cos gastos de funcionamento”.

A apertura das xornadas foi na Casa da Cultura de Ribadavia, onde tamén se deron cita o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; os alcaldes de Ribadavia e de Cortegada, César Fernández e Avelino Luis de Francisco, respectivamente; o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva; o delegado en Ourense, Manuel Pardo; e o presidente da asociación de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.