Ponteareas | O Museo municipal de Ponteareas protéxese da luz solar. O Concello vén de instalar unha serie de vinilos nas cristaleiras que, ademais de ter un efecto estético e identificativo das propias instalacións, permite protexer as obras que acolle o museo dos raios ultravioletas e favorecendo unha mellor conservación de cada unha das pezas.
“Dende o Concello continuamos traballando na mellora das nosas instalacións para que a veciñanza goce dos nosos bens culturais. Con estes vinilos redúcese a entrada dos raios solares, o que evita o deterioro que esta luz produce cando incide directamente sobre un cadro, papel, fotografías, mobiliario… evitando a decoloración e a degradación das pezas”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
No Museo municipal ponteareán a veciñanza pode observar elementos e obras relacionadas coa vila de diferentes épocas históricas. Así, as instalacións acollen numerosos materiais do Paleolítico atopados na Freixa, na Moscadeira, na Pedra da Auga…, deixando á vista do público unha ampla mostra de elementos deste período como bifaces, cantos tallados ou raspadores. Un elemento importante do museo confórmao o petróglifo xeométrico no que aparecen círculos unidos por diferentes liñas.
Da Idade do Bronce destaca un machado de tope, dous aneis e un molde de fundición do Monte das Carballas, na parroquia de Guillade. Tamén está moi ben representada no Museo a cultura castexa, con elementos procedentes do Castro de Troña, Lourido ou O Couto de Altamira, en Taboexa.
Pola súa banda, da Idade Media destacan tres pías bautismais, unha delas considerada un exemplares mellor conservados de Galicia, de estilo románico. Da época contemporánea, o Museo acolle vitrinas e cadors que reflicten a importancia de numerosos persoeiros nados en Ponteareas e que destacaron en diversos eidos, como a política, a cultura ou a literatura, como Amado Garra Castellanzuelo, Gabino Bugallal, Manuel Domínguez Benavides, Fermín Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado, Emilia Estévez Villaverde, Rogelio Lorenzo, Silverio Rivas, Alfonso Quinteiro, Antonio Medal ou Alfonso Pexegueiro, entre outros e outras.
O concelleiro de Cultura anima a todas e todos os ponteareáns a visitar estas instalacións municipais que lles permitirán relizar un incrible percorrido por parte da historia da vila.