Vinis Terrae lanza o concurso “Coñece os nosos Viños”, unha cata cega por equipos

O X Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade celebrarase os días 5 e 6 de xuño en Expourense

Ourense | Vinis Terrae regresa ao calendario de Expourense cargado de novidades. A décima edición do “Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade” celebrarase no recinto feiral os días 5 e 6 de xuño consolidado o único salón exclusivamente profesional e destinado aos viños autóctonos de calidade.

Entre as novidades destaca a posta en marcha do primeiro concurso “Coñece os nosos viños”, unha cata cega por equipos dirixida exclusivamente a profesionais do sector do viño. Os equipos estarán constituídos mínimo por dous e máximo por catro membros profesionais do mundo do viño: catadores, enólogos, adegueiros, distribuidores, camareiros,… que poñerán a proba os seus sentidos e os seus coñecementos dos viños de Galicia.

Esta cata a cegas por equipos realizarase durante a mañá do luns 5 de xuño. O prazo de inscricións neste concurso, que repartirá 1.5000 euros en premios, xa está aberto e os interesados poden inscribirse a través da web www.vinisterrae.es (onde tamén poden consultarse as bases ao completo). O prazo de inscrición concluirá o 1 de xuño ás 12.00 horas.

A inscrición ten unha cota de inscrición de 55 euros por equipo, na que estará incluído o xantar do día 5 de xuño. Compoñerase de 2 fases: clasificatoria e final. Cada unha delas inclúe a cata de seis viños (de adegas expositoras no salón) en cada unha das fases, podendo ser viños brancos, rosados, tintos e especiais (entendendo por especiais a efecto deste concurso os espumosos, e outras elaboracións permitidas polas denominacións de orixe e IXP galegas). A duración da fase clasificatoria será de 90 minutos e a da final 60 minutos.

A ficha de cata solicitará de cada un dos viños (especifícase a valoración de cada resposta correcta): 1.- D.Ou ou IXP (2 punto). 2.- Subzona se procede (2 punto).3.- Variedade /é (3 puntos) (3 puntos). 4.- Colleita (3 puntos). 5.- Elaborador/ Adega (3 puntos). 6.- Marca (2 puntos) Á fase final pasarán os cinco equipos coa mellor puntuación na fase clasificatoria. En caso de empate entre dous ou máis equipos, o xurado valorará os comentarios de cata para desfacer o devandito empate. Na final, en caso de empate entre dous equipos participantes, o xurado terá en conta, a efectos da clasificación final, os comentarios de cata e a puntuación obtida na fase clasificatoria.

O xurado deste concurso estará composto por profesionais do mundo da sumillería, enoloxía e prensa gastronómica, seleccionados pola dirección técnica. Os premios son: 1º equipo finalista: 750 € + lote de viños e trofeo conmemorativo. 2º equipo finalista: 500 € + lote de viños e trofeo conmemorativo. 3º equipo finalista: 250 € + lote de viños e trofeo conmemorativo. Os outros 2 equipos finalistas recibirán un lote de viños.