O Rosal | A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal denuncia a precaria situación na que se atopa o centro de saúde do concello, a falta de persoal e o consecuente deterioro da atención sanitaria, xa que na actualidade a demora nas citas de atención primaria están a ser dunha media de 20 días. Nunha reunión mantida o pasado 17 de xuño para analizar a situación que contou coa participación de representantes do Concello, dos grupos políticos, da sanidade pública e das asociacións veciñais, a Plataforma analizou as carencias que presenta o centro de saúde, problemas que se veñen denunciando dende hai tempo que se ven agravado pola falta de persoal sanitario.
Convocaranse mobilizacións semanais se a Consellería de Sanidade da Xunta non dá solucións
Na actualidade o Centro de Saúde do Rosal conta con só tres médicos, cando, coas ratios de pacientes recomendadas polas organizacións profesionais e a OMS, debería dispoñer de polo menos catro. Se esta situación xa xera problemas, durante o verán veranse agravados trala decisión da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia de non cubrir as vacacións do persoal, polo que o centro quedará atendido unicamente por dous médicos durante uns meses no que aumenta considerablemente a poboación polo turismo. A Plataforma recalca que esta situación fará que se sobrecargue o PAC de urxencias da Guarda.
Para tentar buscar solucións, a Plataforma enviará unha solicitude formal á Consellería de Sanidade na que se faga unha relación de todas as carencias que está a sufrir o Centro de Saúde e pedirase a celebración dunha reunión entre a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, para tratar todas estas cuestións.
En caso de non obter resposta nin solución, a Plataforma convocará concentracións e mobilizacións semanais diante do Centro de Saúde para denunciar de forma pública unha situación considerada inaceptable.