Mondariz/PSdeG-PSOE | “Son Violeta Lois e teño nome de alcaldesa”. Así presentouse a candidata do PSdeG-PSOE en Mondariz diante de máis dun cento de persoas que participaron no acto celebrado no Centro Social mondarizán e que contou coa participación da presidenta das/os socialistas galegas/os, Carmela Silva; do secretario xeral provincial, David Regades; do concelleiro José Luis Fernández e da secretaria local, María Fernández.
Violeta Lois definiu a súa candidatura como “un equipo renovado, con perfís moi variados e con experiencia profesional. Somos xente de Mondariz. Somos feministas, con máis presencia de mulleres que de homes na candidatura. Somos xóvenes e temos ganas de que nos poñan a proba tanto en Mondariz como na Entidade Local de Vilasobroso, onde a compañeira Mónica Lloves é unha garantía de compromiso”.
A candidatura foi definida por José Luis Fernández como “un proxecto en violeta, para garantir a Igualdade en tódolos aspectos, e un proxecto con Violeta, para que a próxima alcaldesa sexa socialista”.
Dividiu o seu programa en varios bloques. En primeiro lugar, o mantemento e a conservación dos bens municipais e servizos públicos. E en segundo lugar o deseño dun Mondariz con futuro. “Só así, conservando o que temos e pensando no que precisamos para o futuro lograremos que Mondariz progrese e afronte co éxito o reto demográfico dos concellos do rural”. Deste xeito propúxose revitalizar o comercio local, apostando por modernizalo e dixitalizalo e potenciar o seu desenvolvemento. A ampliación das prazas do Centro de Día e esgotar tódolos esforzos para converter en realidade unha Residencia de Maiores. Anunciou tamén un programa de mantemento e mellora das pistas e camiños municipais, así como mellorar o servizo de limpeza municipal, para que sexa un servizo áxil, eficaz, eficiente e frecuente. “Ofrecer servizos de calidade á veciñanza non é unha opción, é unha obriga para un concello eficiente. Temos o apoio da Deputación para elo e aproveitarémolo ata o último céntimo de euro”.
A candidata socialista pretende tamén poñer en funcionamento o colector á EDAR de Mondariz Balneario para protexer o río Tea, “que é o noso emblema”. Comprometeuse a pelexar polo desenvolvemento empresarial cun parque, da man da Zona Franca de Vigo “que é o axente que está a impulsar a industria na nosa provincia”.
A promoción da cultura e a intensificación do contacto cos axentes culturais de Mondariz é outro dos aspectos que abordará. Falou de apoio ao Serán dos Namorados e o Rancho de Reis, eventos tradicionais que merecen ser dinamizados. Finalmente prometeu protexer o patrimonio etnográfico e cultural, reforzar a programación xuvenil e presentarse a tódalas convocatorias de tódalas Administracións para conseguir fondos para os grandes proxectos “estando moi pendentes dos fondos europeos Next Generation”.
Lois definiuse como unha persoa que non para quieta “como as augas de Mondariz que me viron crecer”. De aí a súa participación nas actividades sociais e culturais, como Franqueira, a comisión de Festas e a asociación de veciños Xabriña da que foi presidenta, así como na Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Neste eido advertiu de que cómpre seguir pelexando “porque se cae a Atención Primaria, se nos quitan as/os pediatras e as/os médicos cae o rural”.
Finalmente, reivindicou as figuras de Marina Alfaro e de José Luis Fernández “dos que aprendín moito, sobre todo compromiso social coas persoas que máis o necesitan e contaxiáronme do seu entusiasmo”. Violeta Lois destacou que Mondariz ten a enorme sorte de estar na provincia de Pontevedra, “onde gozamos da Deputación máis municipalista da nosa historia, que ofrece fondos como nunca cun modelo que trata a tódolos concellos por igual”. Así, tras recordar os case 10 millóns de euros investidos dende que Carmela Silva é presidenta, explicou que a Deputación de Ourense, “aí ao lado, co modelo do PP”, reparte só 51.000 euros ao ano a cada concello. En Mondariz, continuou, fixéronse 82 obras de todo tipo co financiamento provincial, “nós aproveitaremos ata o último céntimo en beneficio do noso pobo”.