Tui | O xoves, 8 de xuño, haberá unha visita guiada ao Arquivo Municipal de Tui, con motivo do Día Internacional dos Arquivos.
O Día Internacional dos Arquivos celébrase o 9 de xuño, data na que se conmemora a creación en 1948, auspiciada pola UNESCO, do Consello Internacional de Arquivos, unha organización internacional non gubernamental destinada a promover a xestión e uso eficientes dos documentos de arquivo, así como a preservación do patrimonio arquivístico da humanidade.
As celebracións entorno a esta data ampliáronse hai uns anos a toda unha “Semana Internacional dos Arquivos”, na que institucións de todo o mundo realizan distintas actividades orientadas a difundir o papel que xogan os arquivos na sociedade e a promover a utilización do patrimonio documental conservado neles.
Este ano a Semana Internacional dos Arquivos 2023 , #IAW2023, ten lugar entre o luns 5 e o venres 9 de xuño co tema da construción dunha comunidade global de #ArchivosUnidos (#ArchivesUnited).
O Arquivo Municipal de Tui súmase a esta celebración cunha visita guiada ás súas instalacións o xoves, 8 de xuño, ás 12 h, achegando á cidadanía o labor que se realiza dende este órgano da administración localm e dando a coñecer os fondos documentais que conserva. As persoas que desexen particpiar na visita deben inscribirse no correo arquivo@tui.gal.
No último ano o Arquivo Municipal de Tui ten continuado co seu labor de integración dos fondos documentais dos diversos servizos municipais, ao tempo que da resposta, nun prazo cada vez mais reducido, ás máis de cincocentas consultas producidas tanto dende a propia Administración Municipal como por cidadáns que reclaman o acceso á documentación.
Nos últimos meses conta cun bolseiro financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Calquera cidadán pode solicitar a documentación que precisa, presentado en liña a solicitude, a través da sede electrónica ( https://concellotui.sedelectronica.gal/dossier.1) ou no apartado do arquivo na web municipal (https://tui.gal/gl/servizos/arquivo-municipal).
O Arquivo Municipal de Tui recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.550 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 37.500 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.
Dende o 1 de outubro de 2012 no Arquivo Municipal atópase tamén a documentación histórica do Concello de Tui depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.
Como curiosidade conserva un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento sen data, referido a un “Prorrateo de aguas de la Virgen del Camino en la parroquia de Revordanes hecho por Don Juan Gil de la Barrera vecino de la ciudad de Tui”. Este pergamiño, que inicialmente non ten relación co documento que resgardaba, é unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”.
Pese a que a maior parte da documentación corresponde aos séculos XX e XXI aínda se aprecia un elevado volume documental do XIX, destacando os libros de actas municipais dende 1782, con documentos de quintas dende 1874, de patrimonio dende 1849, de persoal ou contratación dende 1874, dos presupostos municipais dende 1845, dos padróns de habitantes dende 1884 ou das eleccións dende 1891.
No Arquivo Municipal tudense consérvase tamén o fondo do cárcere do partido xudicial, recuperado no seu momento por Aquilino G. Santiso. Este fondo contén información continuada, especialmente sobre os reclusos, dende 1897 ata 1960 figurando en diversas series documentais, tanto de expedientes (follas histórico-penais de penados, expedientes persoais de reclusos, expedientes procesais de reclusos, pases de penados, mandamentos de prisión e de liberdade e notificacións acordos de prisión e liberdade), coma de rexistros ( libro de entrada e saída de presos, libro rexistro de presos con condena de arresto maior, libro rexistro de presos preventivos).
As súas condicións de conservación son precarias, pero é un dos fondos máis demandados por investigadores de temas relacionados coa memoria histórica.
Nos últimos tempos este Arquivo Municipal ten recibido dúas importantes doazóns: ás coleccións da xornal tudense “La Tetera” (1913-1914) e do periódico escolar “La aceituna” da Escola das Olivas (1935).
A documentación histórica do Arquivo Municipal tudense así como as actas de sesión do Pleno e das Xuntas de Goberno (que tiveron diversos nomes ao longo do tempo) foron dixitalizadas gracias ao programa Arpad e están accesibles para todos os interesado na biblioteca dixital de Galicia, Galiciana (http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/es.ga.15078.ag/es/consulta/registro.do?control=ADGD20160032604 , así como no portal Atopo da Deputación Provincial de Pontevedra: https://atopo.depo.gal/Search/Results?type=AllFields&filter[]=institution:Arquivo%20municipal%20de%20Tui e en breve prazo tamén na web do Concello de Tui).
Os arquivos son garantes dos dereitos dos cidadáns e dos Estados e son esenciais para a democracia e a boa administración. Os arquivos son tamén a salvagarda da memoria da humanidade, xa que conservan os testemuños documentais do seu pasado.