Oia | O grupo de mozas e mozos integrantes do campo de voluntariado internacional “O Camiño Portugués pola Costa”, que se atopa a traballar en Oia durante estas semanas, organiza para este sábado 27 de agosto unha visita teatralizada polo barrio histórico do Arrabal.
A actividade, aberta ao público e de balde, comezará á 18.30 horas e baixo o título “O Camiño ó pasado” ofrecerá un percorrido desde a ermida de San Sebastián ata o Mosteiro de Oia. Ao longo do itinerario, varias intervencións dramáticas repasarán diversos momentos da historia e algunhas lendas locais.
“O Camiño Portugués pola Costa” é un campo de voluntariado internacional dentro da Campaña de Verán da Xunta de Galicia, deseñado e organizado pola cooperativa de ocio educativo Avada e o Concello de Oia. Esta iniciativa reúne unha ducia de mozos e mozas entre os 18 e 30 anos de distintas procedencias (Pontevedra, A Coruña, Guadalaxara, Madrid, Valladolid, Zamora, Zaragoza, Arxentina e Venezuela) para desenvolver diversas tarefas de posta en valor do patrimonio arredor do Camiño da Costa.
Entre outras tarefas, están a desenvolver labores de xeolocalización de xacementos arqueolóxicos dentro da Ruta Máxica de Oia na plataforma Google Maps, así como de deseño, organización e desenvolvemento da visita teatralizada que ofrecerán esta fin de semana polo Arrabal.