Boiro | A Mancomunidade Barbanza Arousa programa, para o mes de setembro, visitas guiadas para poñer en valor o destino turístico.
Os residentes e os visitantes poderán desfrutar de recursos imprescindibles en Barbanza Arousa como son o Castelo da Lúa de Rianxo, o casco histórico da Pobra do Caramiñal, o Pazo de Goiáns de Boiro e o Dólmen de Axeitos de Ribeira na compaña dunha Guía Oficial de Turismo de Galicia.
Os mércores visitarase a xoia do megalitismo, o Dólmen de Axeitos en Ribeira e os xoves convídase a descubrir o señorial Pazo de Goiáns de Boiro. Asemade, os venres de setembro o protagonismo será para o casco histórico da Pobra do Caramiñal e os sábados para o Castelo da Lúa en Rianxo.
Os domingos, dende o día 12, as visitas serán variables comezando ese mesmo domingo no Dolmen de Axeitos e continuando o día 19 no Pazo de Goiáns, para rematar, o último domingo de mes coa visita ao Casco Histórico da Pobra do Caramiñal.
As visitas son gratuítas con aforo limitado e reserva de praza no correo electrónico descubre@barbanzarousa.gal.
Con esta actuación, igual ca con outras coma o recen rematado Festival Paisaxes Sonoras, a Mancomunidade continúa traballando na posta en valor das paisaxes e recursos e afianzando o destino nos mercados potenciais así como traballando na desestacionalización.