Utilizando fontes de alta confidencialidade militar, o diario alemán Bild advirte dun eventual escenario de guerra frontal entre a OTAN e Rusia para 2025. Outros medios se aventuran a prognosticar un ataque ruso dende o seu enclave de Kaliningrado contra países membros da OTAN como Polonia ou as repúblicas bálticas. Ante tales posibles escenarios, a Alianza Atlántica xa anunciou para este 2024 os seus maiores exercicios militares en décadas, confirmando o clima bélico actualmente existente.
A medio camiño observamos que a interminable traxedia de Gaza se está ampliando a un conflito a escala rexional en Oriente Próximo. Ataques de EEUU e Gran Bretaña contra obxectivos das milicias hutíes en Iemen, ataques mutuos entre Irán e Paquistán, no Kurdistán iraquí, tensión permanente en Líbano e Siria contra Israel son algunos dos sucesos que lemos a cotío nos medios.
Se imos máis a Oriente non cesan os ventos bélicos ‘furacanados’. Avaliado por EEUU e os cada vez menos países que a recoñecen (agora son trece en total) Taiwán elixiu nova presidencia abertamente independentista contra China. Por se acaso, un dos principais portaavións estadounidenses, o USS Theodore Roosevelt, viaxou ao Pacífico Occidental para fortalecer a cooperación militar cos seus aliados. Por outra banda Corea do Norte, acusado de prover artillería a granel para Rusia na guerra ucraína toda vez mantén estreita cooperación nuclear con Irán, saca músculo e volve a ameazar “preventivamente” aos seus principais inimigos Corea do Sur, EEUU e Xapón.
Volvamos a Occidente, neste caso América Latina. O crime organizado parece poñer en xaque ao goberno en Ecuador, país que hoxe en día se parece máis ben á Colombia das décadas de 1980 e 1990. Co liberal Milei no Foro de Davos desarticulando o sector público nunha Arxentina convulsionada, o “modelo Bukele” no Salvador de combate punitivo contra o crime transnacionaL cobra forma e adeptos a nivel hemisférico.
Ecuador pode ser o próximo laboratorio desta guerra contra “o narco” e as bandas delitivas. O seu presidente Daniel Noboa ten anunciado publicamente a súa admiración polas medidas dun Bukele que será reelixido presidente en febreiro, neste 2024 que, tan bélico e tenso como se ve, non esquezamos que tamén é estratexicamente electoral.
E se de eleccións falamos, este xaneiro de 2024 xa nos anuncia o que pode suceder en novembro próximo en EEUU: o posible regreso de Donald Trump á Casa Branca. A súa contundente vitoria no caucus de Iowa parece catapultalo como o candidato republicano.
Que relación hai entre todos estes escenarios? Que estamos observando a auxe do militarismo a ultranza nun mundo volátil e cambiante pero sen regras claras nin institucións internacionais capacitadas para reconducir a solución dos conflitos.
“Estamos observando a auxe do militarismo a ultranza nun mundo volátil e cambiante pero sen regras claras”
Porque a OTAN e Rusia traballan convencidos de que a colisión é inevitable ou, cando menos, algo máis serio cunha simple probabilidade. Ucraína é só un laboratorio de probas. Debilitar a Rusia é un imperativo “atlantista” que serva de ‘abre bocas’ para unha posible próxima guerra contra China. E Beijing non pode permitir a implosión dun aliado estratéxico como Rusia na configuración dunha nova orde mundial que de orde precisamente non ten nada, segundo observamos cada día.
Porque a guerra de Gaza está confirmando que, no fondo, non é máis que unha estratexia de Israel e de EEUU para recuperar peso e esferas de influencia en Oriente Próximo así sexa buscando involucrar a Irán nun conflito a gran escala que rompa o equilibrio rexional e tente neutralizar ou implosionar ao réxime dos aitolás. Curiosamente Irán celebrará en marzo eleccións da súa Asemblea de Expertos para elixir un novo aiatolá que substitúa ao actual Alí Jamenei.
Porque de súpeto vemos que Paquistán entra nesta ecuación de guerra contra Irán, algo que tamén outro obxectivo colateral estratéxico para Washington e os seus aliados: romper a relación de Islamabad con China vía Rutas da Seda. Paquistán, o único país musulmán con armamento nuclear, pode verse rivalizado neste eido cun Irán que, segundo algúns informes, terá finalizado antes do primeiro semestre deste ano un programa nuclear, cando menos para ser utilizado en misiles tácticos.
En 2001, Paquistán foi esencial para Washington na invasión da veciña Afganistán dos Talibáns e na estratexia de Bush de “guerra contra o terrorismo”. E xa o fora anteriormente, na década de 1980, tamén en Afganistán vía servizos secretos como o ISIS e militares posteriormente golpistas como o ex presidente Pervez Musharraf, pero non para loitar contra os Talibáns senón contra a invasora URSS. Aínda sendo potencia nuclear cun diferendo territorial coa veciña India, e salvo crises políticas posteriores, Paquistán perdeu o foco de atención occidental, sendo aproveitado por China para afianzar alianzas económicas estratéxicas vía Rutas da Seda. O porto paquistaní de Karachi é neste sentido vital para estas rutas de distribución. Agora ben, en 2024, volverá Paquistán a ser relevante para Occidente como o foi en 2001 contra os Talibáns afganos pero agora contra un inimigo maior como Irán?
“En 2024, volverá Paquistán a ser relevante para Occidente como o foi en 2001 contra os Talibáns afganos pero agora contra un inimigo maior como Irán?”
Existen variables que permiten intuír porqué entra agora Paquistán no centro de atención. En 2020, as autoridades paquistaníes recoñeceron recibir presións de Arabia Saudita e de Emiratos Árabes Unidos para recoñecer ao Estado de Israel. Islamabad argumentou como excusa a súa defensa da causa palestina. Compre preguntar: por qué en 2024 de súpeto reaparece a actividade du grupo suní Jaish al-Adl na provincia iraniana de Baluchistán; un movemento considerado terrorista por Teherán. Por qué Irán bombardea obxectivos en Siria, Paquistán e Iraq, neste último caso no Kurdistán iraquí? Por qué morren altos dirixentes xiítas en Iraq e atacan mortalmente dentro de Irán nunha conmemoración da poderosa Garda Revolucionaria Islámica (GRI), o verdadeiro centro de poder iraniano?
Porque se ben Irán tamén ten intereses rexionais vía Hamás, Hizbulá, réxime sirio, xiítas iraquís e hutís iemenitas orientados a confrontar aos seus inimigos EEUU e Israel (sen descartar Arabia Saudita), detrás de todo isto vese claramente a artellación de intereses entre Washington e Tel Aviv actuando conxuntamente para mover fichas que impliquen, neste caso, afastar a Paquistán da órbita de influencia chinesa e, así, confrontalo cun aliado de Beijing como Irán, toda vez serva de apéndice para desatar unha posible “guerra híbrida” cada vez máis ‘quente’ contra Teherán.
E tamén está que o Mar Vermello é xeoeconomicamente estratexico: por aí pasa o 15% das mercadorías mundiais. A cadea de distribución vese seriamente afectada pola guerra de EEUU-Gran Bretaña-Israel (e Arabia Saudita na recámara) contra Irán e os seus aliados hutíes. Unha guerra que tamén golpea no corazón enerxético global involucrando a grandes produtores como Irán e Arabia Saudita.
Porque a crise de Ecuador revela que series Netflix como “Narcos” se quedan pequenas ante a realidade. Porque se houbo un Plan Colombia en 1999, con todas as súas serias consecuencias aínda que o país andino avanzara progresivamente cara a súa pacificación tras cinco décadas de conflito armado, en 2024 quizáis podamos ver un Plan Ecuador (e así foi incluso pedido por Quito en 2022) amplificado nunha politicamente volátil América Latina onde emerxen líderes punitivos como Bukele e Milei.
En febreiro de 2022, ao calor do comezo da guerra ucraína, escribín que volvía a auxe do militarismo e do armamentismo no mundo post-pandemia. Os poderosos lobbies teñen que saciar eses intereses espallando guerras polo planeta. O mundo de 2024 confirma esa tendencia.