Mos | A Xunta de Galicia impulsa, coa producción dun vídeo promocional que se está a gravar estes días, o programa de voluntariado interxeracional do Concello de Mos, centrado na atención ás persoas maiores do municipio.
A concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informou de que participan nesta iniciativa o máximo de voluntarios/as admitidos pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que desenvolve esta iniciativa: un total de 16 persoas, 8 maiores e 8 mozos/as.
O programa leva por título ‘Compartindo experiencias de vida. Sinerxia Xeracional’. E cómpre lembrar que os maiores do municipio mosense son moi activos participando en iniciativas que organiza o Concello como os programas ‘Tempo de Lecer’, ‘Tempo de Excursións’, ‘Exercítate’, ‘Cultiva a túa mente’, cursos sobre uso de novas tecnoloxías… Como tamén o é a rapazada do Concello de Mos, por elo ambas xeracións están a formar parte activa deste programa de voluntariado interxeracional.
O proxecto mosense, que se presentou a comezos de ano e destaca como un dos máis activos de Galicia, contempla a realización dun amplo programa de actividades nas que xente nova e persoas maiores compartirán experiencias. Entre as accións que se levan a cabo, salientan os faladoiros, lectura, exercicios físicos na casa, musicoterapia, actividades lúdicas ou ensinanza de instrumentos tradicionais. O obxectivo desta proposta é que as mozas e mozos se impliquen no coidado e atención aos veciños de máis idade.
Hoxe os mozos/as participantes colaboraron cos maiores no coidado e traballo da horta; e na elaboración dunha empanada na cociña do Centro de Día O Son do Regueiro de Torroso para que puideran degustala os/as usuarios/as do devandito centro. Laura Loureiro aprendeu a traballar a horta na casa de Paqui Campo e Laura Sobral fixo a empanada con Mari Carmen Alonso no Centro de Día de Torroso. As mozas Laura Loureiro e Laura Sobral aprenderon das súas compañeiras sendos procesos de cultivo agroalimentario e cociña, respectivamente; e, pola súa banda, Paqui e Mari Carmen recibiron das xoves coñecementos e consellos sobre o uso das Redes Sociais.
O Concello de Mos é unha da vintena de entidades locais e de acción voluntaria que desenvolven proxectos a través da primeira edición do programa de voluntariado interxeracional no rural posto en marcha polo Goberno galego. A través de experiencias como a que se leva a cabo en Mos quérese favorecer a formación e intercambios de coñecementos entre os maiores e a mocidade.
Oportunidades
A finalidade é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais para a mocidade. O voluntariado interxeracional permite conxugar o talento e a experiencia das persoas maiores coas inquedanzas e curiosidades da xente nova.
Trátase de que as persoas de máis de 55 anos compartan a súa experiencia en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria, a posta en valor do patrimonio e o turismo con mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. Estes poden devolver este coñecemento achegando á xente maior nocións en modelos dixitais e tecnolóxicos, entre outros.
O proxecto mosense está integrado por un grupo humano interxeracional e funcionan por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos encargase de titorizar a un mozo/a.
AGADIC trae a Pili Pampín en concerto a Tameiga
A Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, trae a Mos, ao parque de Costoias, o concerto da cantante galega Pili Pampín, enmarcado na programación da Festa de Santa Filomena, que organiza a Asociación Cultural San Martín de Tameiga.
O cartel da celebración presentouse esta mañá en Costoias contando coa presenza do tenente de alcaldesa Camilo Grandal, a concelleira da parroquia de Tameiga Feli Rodríguez, a edil mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, demais membros do equipo de goberno local e membros da directiva da A.C. San Martín.
Santa Filomena celébrase o 13 de agosto no Parque de Costoias de Tameiga a partires das 12:00h. Ademáis dos actos relixiosos, que comezarán ás 12:00h, na Igrexa Parroquial de San Martín de Tameiga coa tradicional Misa, cantada pola Coral O Son dos Cantares, seguida da procesión acompañada pola Banda de Gaitas Os Zoqueiros de O Porriño e ó remate, concerto da mesma; a tarde estará amenizada en Costoias, a partires das 20:00h, pola Banda de Saxos de Redondela e seguida do concerto de Pili Pampín ás 21:30h. A actuación da coral corre a cargo do Concello e as da banda de gaitas e orquestra de saxos finánciaas o Pontegal da Deputación. A Festa de Santa Filomena será unha gran oportunidade para disfrutar dunha xornada amenizada por grandes formacións musicais. Tratarase dun encontro moi especial no que o público poderá gozar da música co broche da actuación estrela da cantante Pili Pampín.