O Covelo | Como cada último venres de mes as familias de Covelo reúnense para participar no Club de Lectura para Familias. De 18.15 horas a 20 horas na sala multiúsos da biblioteca no edificio de usos múltiples as nenas e nenos medrarán da man da lectura en familia.
O Concello de Covelo convida a toda a veciñanza a participar nesta actividade que se celebra unha vez ao mes na biblioteca municipal de Covelo. Tempo para confraternizar arredor da lectura e tempo para aprender, así nace o Club de Lectura de Covelo que celebra a súa segunda xornada este venres día 26 de maio.
As persoas que desexen ter máis información deben contactar no número de teléfono 655 52 52 42 ou no teléfono da biblioteca municipal de Covelo 986650154.
Roteiro guiado polo Val do Tea dende a Poza Piñeiro
No marco da programación estable de rutas de sendeirismo guiadas do Concello de Covelo, este domingo día 28 terá lugar o roteiro da Poza Piñeiro. Esta actividade, que se enmarca no proxecto RíosAldeasMontañas, promove o coñecemento do patrimonio natural entre visitantes, veciñanza e alumnado do CEIP Antonio Blanco.
De 6,5km de duración e dificultade doada, o roteiro da Poza Piñeiro ten un trazado lineal de ida e volta cunha duración aproximada de tres horas e media. Esta actividade, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, é de balde e require inscrición previa no número de teléfono 654 500 652. A hora e punto de saída son ás 10 horas no cemiterio de Piñeiro.
O guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, explica que a Poza Piñeiro foi construída augas arriba do primixenio “Puzo Vello” que cumpría a función de rego dos campos da parroquia. Co paso do tempo, converteuse nunha zona húmida de grande interese paisaxístico e natural. Na súa contorna atópanse turbeiras activas de montaña, gandería extensiva en pastos, chozos e curralas, avifauna e o gran mamífero carnívoro, o lobo ibérico.
Dende o cemiterio de Piñeiro seguirán a pista ancha con cancela que debemos pechar ao pasar. Iremos gañando desnivel pouco a pouco. En cada descanso podemos contemplar as vistas do val do Tea as nosas costas ou o imponente Coto de Eira a nosa esquerda. Ao pasar por un fabuloso piñeiro solitario saberemos que estamos preto do desvío cara abaixo que remata nunha pequena área de lecer para descansar á beira da Poza. As vistas panorámicas do Val do Tea e do sur da provincia de Pontevedra son privilexiadas.
O roteiro ten alta exposición ao sol e cómpre tomar medidas para evitar a deshidratación e golpes de calor.