Volvemos ao abandono?

 

Máis que de xantares, sabemos de fames. Máis que coñecementos, de ignorancias e ausencias de saber, que dan lugar a cavernas filosóficas onde se incentivan calumnias que esconden simpáticas diatribas de velada adormecida e manipulada.

Máis ca de gobernos sabemos de desgustos e malgastos, de desleixo e abandono, de fracasos, de desconcerto e desorde, de diagnósticos errados, de sabernos ingobernados, desgobernados e insolentemente desgobernables -consecuencia de sabernos ignorados- nesa anarquía de sabernos nas mans incompetentes, lonxe de sinxelos xerentes da cousa pública, ou daquela xente capaz de xestionar solucións, de procurar camiños, de ver antes cá nós porque están atentos e precipitan arranxos e consensos, inflúen no bo desenvolvemento dos problemas cara a un remedio eficaz, inventan a razón e procúrana para converxer e convencernos.

Pois, non sabemos deles. Estamos detidos no tempo, en cousas retrocedemos, en moitos dereitos sociais. Non sei como se pode permitir que a metade da xente nova estea no paro. É suicida e nega calquera futuro digno. Quizais debera alguén estar enfadado. Pero non, todo se volven desculpas e explicacións do inexplicable, todo son enfrontamentos e vinagres, malas caras e expresións de total cabreo, insultos, paus nas rodas do carro que procuraría andar camiño, ausencia de solucións boas e intelixentes, posibles e eficaces.

“Por iso, e na nosa frustración, non sabemos de gobernantes, senón gobernadores que á forza fan cumprir as “súas” leis, non de todo equilibradas, nin harmónicas nin proporcionadas”

Por iso, e na nosa frustración, non sabemos de gobernantes, senón gobernadores que á forza fan cumprir as “súas” leis, non de todo equilibradas, nin harmónicas nin proporcionadas. Aquí estamos, nesta espera de solucións. Votamos e non nos representan, vemos que se meten en divagacións que nada resolven, que se poñen verdes mais non enfían a agulla, non xeran solucións do día a día, da dignidade, do paro, da pobreza, da enfermidade, da vivenda, da dependencia, da saúde e educación, do cambio climático, de posibilidades reais da vida! Non sabemos o que é administrar ben os posibles, as potencialidades que existen. A mesma xustiza anda deixándose modular segundo aqueles aos que conveña, hai unha vara para uns -cuñados, ex-ministros, banqueiros, contables e lampafabas do montón- que non teñen que dar moitas explicacións para que se lles vexa cubertos de aura de presunción favorable.

Mentres, os matados e matadas de sempre, teñen desde a prisión preventiva unha lousa pesadísima de presunta culpabilidade. Ninguén se fixa nos tesouros que nos habitan, no porvir que agarda, no pasado que deixa ese ronsel de aprendizaxes. Está todo revolto, sen unha canle de orde e verdade. Non sabemos dunha persoa que pilote e navegue mares da nosa problemática existencia, como pobo, como persoas, como comunidade que agarda unha responsabilidade informada. Non hai quen consulte, coordine, consensúe os recursos públicos e saiba acadar obxectivos das necesidades sociais, que busque e atope o camiño mellor para conducirnos. Nada diso se fai, levamos moito tempo así neste descontrol.

Estamos deixados en todo tipo de gobernadores, reis, ausentes, eméritos, directores xerais para a presión das rodas traseiras, secretarios xerais para a presión das rodas dianteiras, ministras e ministros en imprecisos labores, vicepresidentas de calquera ramo, presidentes dos milleiros de congresos onde todos se insultan, xefes de gabinete -asesorados por vociferantes, vice-asesores de quen asesora a quen logo rexe, nun apartado de poder coa parcialidade desta ferida que nos sangra.

Por haber, non hai nin conformidade para xuntos tomar algún acordo. Estamos enfadados co desenvolvemento das rutinas, das mesmas técnicas diante de problemas novos e diversos. Encontramos o ritmo pasivo, o silencio, o baleiro de acertos. E se miramos cara adiante, nada alentador nos agarda neste pesimismo. Un chega a pensar que é un problema unicamente de incompetencia, de deixarse levar, agora máis que nunca no medio do caos.

Dependemos das vacinas que nos mande Europa, e somos moi obedientes. Cobrar cobran todos os meses, mais hai unha lección que debemos ter presente, pois non nos deben aplacar as iras, nin debemos recorrer ao pranto, pois do chorar só quedan mocos! Debemos amosar o descontento e esixir, aos que tal fan, gobernen como deben ou marchen, que lles falta tempo.

Mestre e músico.