X Mostra da Camelia en Tui

Con 75 expositores galegos, portugueses e asturianos

Tui | O Claustro da Catedral de Tui acollerá esta fin de semana a X Mostra da Camelia organizada por ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia, coa colaboración do Concello de Tui xunto a outras entidades.

Setenta e cinco expositores de Galicia, Portugal e Asturias presentarán gran variedade de camelias e outros produtos relacionados con esta flor, na que é a segunda cita do calendario anual de mostras da Sociedade Española da Camelia. A exposición tudense incide este ano na presenza precisamente da camelia na decoración do coro catedralicio datada en 1699.

O acto inaugural terá lugar ás 12.30 h contando coa intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do deputado provincial Roberto Carrero, da presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero, da vicepresidenta da Internacional Camellia Society, Pilar Vela, do presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, do concelleiro de Turismo do concello de Valdés en Asturias, Ismael González Suárez, do presidente de ATUCA, José Carlos Montes, e do deán da Catedral, José Diéguez Diepa.

O sábado ao mediodía contarase coa actuación do grupo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui e o domingo antes do peche da mostra a Rondalla de Pexegueiro realizará un pasarrúas polo centro urbano e rematará actuando na praza de San Fernando.

O horario de visita será o sábado de 16.30 h a 20.30 h e o domingo de 10 h a 14 h e de 16.30 h a 20 h. Este será o cuarto ano en que a Mostra da Camelia se celebra no claustro catedralicio, sendo un evento único ao celebrarse nun espazo tan singular coma este.

300 deportistas na Regata Miño Internacional
A 44ª Regata Miño Internacional baterá este sábado, 18 de xaneiro, récord de participación ao contar coa presenza de 300 deportistas de pertencentes a 22 clubs dos que 12 serán portugueses e 10 españois. É a primeira vez que esta proba deportiva forma parte amais do calendario internacional de remo.

A regata consta de 6 quilómetros en augas do río Miño entre Currás, en Tomiño, e Tui. A liña de meta estará situada fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses. As saídas serán en tandas de cinco barcos cada cinco minutos dende ás 11.50 h. A entrega de premios está prevista para ás 13 h.

Este mediodía na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o director deportivo da FGAR, Juan Zunzunegui, o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, a secretaria do club, Áurea Gil, e o comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll.

Manuel Ángel González, presidente do Club Remo do Miño, organizador da regata, destacou a alta participación que se acadará nesta edición xa que na categoría de Catro Scull Masculino competirán 15 barcos, en Catro Scull Feminino, 8 barcos, en Oito 10 barcos masculinos, 8 femininos, e 7 veteranos, o que brindará un gran espectáculo deportivo en augas do Miño.

O director deportivo da Federación Galega de Remo, Juan Zunzunegui, destacou as excelentes condicións que Tui presenta para a práctica do remo tanto para regatas coma para concentración, sinalando que o mesmo sábado á tarde se concentrará en Tui a Selección Galega absoluta de remo. Juan Zunzunegui sinalou amais o alto nivel que haberá na proba coa participación dos mellores deportistas, entre eles diplomas olímpicos. Tivo tamén palabras de recoñecemento para o bo traballo que neste deporte se está a realizar en Tui.

O comandante Naval do Miño, Andrés Díaz-Ripoll destacou coma a Comandancia Naval se encargará de dar seguridade a este evento deportivo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou coma “a inclusión desta proba no calendario internacional nos vai dar a posibilidade de acceder a fondos do PERTE Deportivo que financia o Consello Superior de Deportes, para ampliar o centro interfederado, cuxo proxecto xa está redactado”. Felicitou ao Club Remo do Miño por “ conseguir este fito importante, como é a internacionalización desta proba, que sin ningunha dúbida vai a significar incluso unha maior posta en valor da realización da mesma”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.