Antes aínda de pensar, …a maxia chámase “incitación al odio”. Este último delito novidoso ten os seus máis e os seus menos. Está moi de moda como arma de defensa dos que fixeron mal as cousas, un argumento de xustiza moi relativa que agora poñen na man dos medios de comunicación, subalternos das ansias do poder para que non se arme follón e que revolvan as augas para, logo, buscar motivo de dúbidas e sospeita. Un intrusísimo máis nas empobrecidas liberdades de expresión dun pobo, dun grupo, dunha persoa calquera que podemos ser nós mesmos. Un odio que se fundamenta en desconfianzas, antipatías e aversión, a inimizade gratuíta, o resentimento e a xenreira anteriores á perversa ollada da sospeita. Serve así de purga de todos aqueles que ousamos, coa mellor intención, dirixir o noso dedo cara á corrupción e o saqueo, onde están eles, mira por onde! Os que non se someten á lei e deixan evidencias moi clarificadoras, mentres –pola contra- outras persoas por moito menos motivo, están no trullo. Por un lado está, e hai que telo en consideración, este odio que vén en fascículos e vaise facendo enciclopedia, no que constan pasaxes da negra historia que aínda hoxe nos avergoña e garda certos rancores. Rancores que veñen desde atrás, do confabulado contubernio. Emite, finalmente, un cheiro de xuízo lixeiro e manipulado. Ese xuízo nunca ponderado debidamente. Nin sequera será tido en conta senón para estar en prevención, para inhibirse de certas actitudes. Estas cousas antes que tomalas en broma, hai que consideralas en serio, moi en serio. Sobre todo porque crean muros entre as persoas, porque dividen e aniquilan, porque son tan previsoras que destrúen antes de ser. Son prexuízos, que antes de ser xa danan e lesionan, polo menos trastornan. Prexudican e deterioran as limpas relacións humanas, impiden a liberdade, poñen en cuestión os beneficios da conciliación e o acordo, que favorecen a cohesión social.
Os delitos de incitación ao odio, sinalan a músicos, escritores, actores, artistas, profesores discrepantes que nas súas clases falan da realidade social que viven. Comentan co alumnado adulto as dúbidas sobre as actuacións políticas, xudiciais e policiais. Discrepantes que por falar nas redes sociais son incitadores ao odio?. A outros por facer bromas en revistas que fan chiste destes e doutros aconteceres. Certamente no Código Penal consta tal delito, do artigo 510 “Cando hai motivos racistas, antisemitas, ideolóxicos, de relixión, crenzas, situación familiar, raza, nación, orixe, identidade sexual, xénero, enfermidade ou discapacidade”. Ah, e como a policía non consta, faise saber que son razóns ideolóxicas contra o colectivo de policías. Puf, que volta houbo que dar para chegar aquí, parece daquelas explicacións que consisten en encausar algo que non ten causa algunha. Ule mal, coma se houbera que escarmentar a alguén, como se houbera que espallar o medo, deter a escasa liberdade de expresión, nas aulas, nas redes, detrás das sombras que nos ameazan. Hai que disuadir ao persoal, que se nos botan enriba. Disuadir aos que discrepan. E a pouco que consideremos, dámonos conta que falar de incitación ao odio por criticar a alguén é unha barbaridade, neste caso xurídica. Pero tamén é por motivación ideolóxica, cando a policía non debe ter esa motivación. Pode parecer que hai unha actitude de persecución á xente normal, a esa xente que viu como se excedían en golpes e na utilización de métodos moi agresivos contra persoas desarmadas, cidadáns golpeados con acusación de promover o odio. O peor de todo é que poden e están forzando a tope as máquinas, fan que prosperen estas acusacións que ofenden o entendemento e humillan os sentimentos. Estamos perdendo os dereitos a pasos axigantados. Haberá que protexer ás vítimas da inxustiza e non aos que con ela agriden. Nunca tal se vira! Semella unha habelencia raposeira e inquisitorial. Logo falan de que esta “democracia” quere ser inclusiva, participada, plural, rica na diversidade. Sabendo o que sabemos da corrupción que reforza as elites e xera abuso, que se espalla nas institucións e que se propaga con aplicacións retortas da lei, con informacións manipuladas que aínda acenden máis o descontento, pois estamos listos. E eles amparados na impunidade ideolóxica dos que mandan. Xa sei que non só lles molesta que falemos, preferirían que foramos mudos. Está claro!