Ponteareas | A concelleira de Eventos, Cristina Fernández, e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, deron conta xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, das principais actividades que conformarán unhas festas de setembro que se celebrarán con limitacións de aforo e garantindo as medidas sanitarias a adoptar fronte á Covid-19.
Xabier Díaz e Adufeiras de salitre darán o pistoletazo de saída aos concertos de setembro cunha actuación no Parque da Feira Vella o sábado 5 ás 22 horas. Dito parque tamén será escenario da “Noite lírica”, coa que a soprano ponteareá Teresa Novoa nos deleitará acompañada do tenor Javier Palacios e da Orquestra 430 o domingo día 6 ás 21 horas. Un concerto da Banda de Música Unión de Guláns o martes 8 pechará as actividades dos Remedios.
Este ano non haberá verbenas nin a Feira Tradicional dos Remedios nin ningunha actividade que supoña aglomeración de persoas e nas que non se poida garantir a seguridade sanitaria
A música tradicional tamén será protagonista do mes das festas en Ponteareas, coa celebración do XXXIII Festival Folclórico o sábado 5 de setembro nas rúas do centro urbano e co LIII Concurso de Gaitas, que terá lugar o sábado 19 e culminará cun concerto de Óscar Ibáñez & Tribo na Feira Vella.
O venres 25 iniciaránse as actividades de San Miguel cun concerto da Banda de Música Reveriano Soutullo. Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena galega, chegará na noite do sábado 26 ao Parque da Feira Vella, onde o domingo tomará o relevo a eurovisiva Lucía Pérez. O luns, contaremos co espectáculo “Ser e Terra”, da compañía Nova Galega de Danza, e o martes, festivo local, coa Banda de Música Xuvenil de Xinzo e con actividades para as e os máis cativos.
O programa Mocidade Viva, con actividades específicas para mozas e mozos, así como o Cultura24, con actividades culturais nas parroquias ponteareás, completan a programación cultural e festiva de setembro. Non faltará a animación para público infantil e familiar, así como o tradicional desfile de xigantes e cabezudos.
Todas as actividades mencionadas están supeditadas á situación sanitaria do momento, e contarán coas medidas de seguridade requiridas por mor da Covid19, sempre con cadeiras e aforo limitado con reserva previa, mantendo a distancia interpersoal, tomando a temperatura no acceso e coa obrigatoriedade do uso da máscara e xel hidroalcólico. Continúan así as medidas de seguridade xa implantadas con éxito durante a programación do Verán Cultural polo Concello de Ponteareas.
O goberno local sinala que “sendo conscientes da situación sanitaria na que nos atopamos actualmente, e para evitar masificacións de visitantes, foi necesario cancelar as verbenas, a tradicional Feira dos Remedios así como o Festival de Música Rebelde e todas actividades multitudinarias”.
Dende o 1 de setembro, o centro urbano de Ponteareas lucirá iluminación para ambientar as rúas e favorecer a actividade comercial e hostaleira na vila.