Xantar 2023 pecha como “evento necesario” para promocionar internacionalmente á gastronomía galega

Celebrouse o día dedicado ao Medio Rural, ao Concello de Arnoia e á Cámara Municipal de Vizela

Ourense | Xantar 2023 pechou a súa 24ª edición que se celebrou con importantes novidades que “viñeron para quedar”, tal e comentou o director do salón, Rogelio Martínez, durante o acto de clausura. Estas foron a entrada gratuíta, a zona de tapas, os concertos ou a duración de 4 días (en lugar de 5), iniciativas que tiveron boa acollida por parte do público.

En total o salón rexistrou 17.000 visitas durante os catro días de celebración do salón. O director da feira agradeceu aos 100 expositores de 5 países e aos 5 restaurantes (os 4 tradicionais máis o de “Xantar Tapeando”) por celebrar unha edición de “moi alto nivel” destacando o feito que esta cita “é xa moito máis que un lugar onde vir comer ou cear menús completos e de calidade.

É un punto de encontro profesional e persoal, un lugar onde vir descubrir, aprender, compartir, participar, gozar e probar o que nos ofrecen os expositores e as actividades”. Cabe destacar a alta participación en todas as 140 actividades que propoñía o programa desta edición xa que todas completaron o aforo permitido. En total, máis de 5.000 participantes visitaron as 2 aulas gastronómicas e a aula de cata comentada.

O acto de clausura estivo presidido polo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, que destacou os beneficios para a saúde da dieta atlántica baseada nos produtos de calidade do campo e do mar de Galicia que se preparan por normal xeneral de forma sinxela para manter o seu valor nutritivo.

Como é habitual nas últimas edicións, o domingo é o día dedicado ao Medio Rural que estivo representado polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria – AGACAL, José Luis Cabarcos, que destacou que “Xantar é unha excelente plataforma de promoción internacional dos produtos agroalimentarios de calidade de Galicia”.

Medio Rural
A consellería do Medio Rural non soamente participa como expositor na feira, senón que facilita que pequenos produtores poidan promocionarse e vender os seus produtos #ante os visitantes. Tamén participou no Túnel do Viño de Galicia no que estaban representadas 59 adegas das 5 denominacións de orixe de Galicia que ofrecían un total de 104 referencias, Ademais, organizaron un taller de cociña diario e catas comentadas que presentaron as denominadas “Experiencias de Calidade”.

O protagonismo de Portugal nesta xornada de clausura foi para a Cámara Municipal de Vizela que tivo o seu día dedicado e que estivo representada polo seu presidente, Vitor Hugo Salgado. Tamén foi o día dedicado ao Concello da Arnoia, que participa desde a primeira edición do salón celebrada en 1999.

Hoxe tamén foi o día dedicado aos patrocinadores e colaboradores de Xantar que se celebrou coa tradicional entrega de placas. Entre os seus principais apoios contou coa administración autonómica (a través do apoio da Axencia de Turismo de Galicia e das Consellerías de Medio Rural e de Mar), entre outras colaboracións como a de Economía Social de Galicia.

Tamén contou co apoio da Deputación de Ourense a través do INORDE. Xantar volveu contar ademais co respaldo de grandes empresas do sector alimentario e servizos como o caso de Coren, Estrela Galicia, Cabreiroá, Cafés Lisboa, Grupo Cuevas, Gadis, Bricocentro Paradelo e ANFACO. Tamén hai que sumar o apoio da Deputación de Lugo, Renfe, Córdoba Patrimonio Gastronómico ou o GDR Carballiño-Ribeiro.
Citas

Esta mesma semana retomarase xa a vacinación masiva nas instalacións do recinto. A actividade feiral retómase xa do 16 ao 19 de novembro coa celebración do 14º Salón do Automóbil (Vehículo Novo) que continuará do 23 ao 26 coa celebración do salón do Vehículo de Ocasión. Xa entre o 29 de novembro e o 1 de decembro celebrarase unha nova edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo, que xa terá a pista de atletismo instalada dando así paso á tempada e actividade deportiva.