Monforte de Lemos | A xunta de goberno municipal aprobou as bases do XI Concurso de axudas para a confección de traxes medievais e as bases para a solicitude de participación na XXI Feira Medieval de Monforte.
A XXI Feira Medieval celebrarase o sábado día 19 e o domingo 20 de abril de 2025, coincidindo coa fin de semana de Semana Santa. O alcalde, José Tomé, recorda que “o pasado ano 2024 a Feira Medieval chegou á súa vixésima edición, polo que xa solicitamos a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, pero aínda non recibimos a resolución a este respecto por parte da Xunta de Galicia”.
O rexedor monfortino decidiu incrementar a partida destas axudas, pasando a conceder 60€ por persoa. Tendo en conta que poden resultar premiadas un máximo de 60 persoas, a partida total ascende a 3.600€, 600€ máis que en 2024. Os beneficiarios da axuda, terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 19 e 20 de abril presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España.
“A Feira Medieval de Monforte é un dos eventos mais importantes da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”, concluíu o rexedor monfortino.