Ponteareas | Do 18 ao 24 e agosto o Concello de Ponteareas volverá ser o epicentro da música clásica coa celebración do XII Festival Groba, unha cita que recolle o ánimo do mestre Groba de achegar a música culta a toda a cidadanía.
A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan C. González, queren trasladar o seu agradecemento á Fundación Rogelio Groba e a Orquestra de Cámara Galega polo intenso traballo que realizan ao longo de todo o ano para que a vindeira semana Ponteareas se posicione no máis alto da cultura da man de prestixiosos músicos de todo o mundo.
Fieis a súa filosofía artística o Festival Groba prima a música de cámara nos seus diversos formatos, pon en valor a creación compositiva do Mestre Groba e ofrece os concertos totalmente de balde para facilitar o acceso á alta cultura a toda a cidadanía.
Para isto o programa recolle un variado elenco de artistas nacionais e internacionais e a Orquestra de Cámara Galega como orquestra en residencia. Ademais o público terá sorte de escoitar por primeira vez á Orquestra Sinfónica de Galicia que realizará o concerto de clausura dirixida polo Mestre Pérez-Sierra nun programa con obras do Mestre Groba e as famosas Variacións Rococó de Tchaikovsky que interpretará xunto o virtuoso chelista Santiago Cañón-Valencia. Sen dúbida este concerto que clausurará o Festival Groba, será unha homenaxe a un dos fundadores da Orquestra Sinfónica de Galicia e compositor asociado nos primeiros anos de vida.
Co apoio do Concello de Ponteareas, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia o festival subirá ao escenario do auditorio municipal Reveriano Soutullo e na igrexa do Convento de Canedo a máis dun cento de músicos profesionais. O concerto inaugural, ao que asistirá o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia Anxo Lorenzo, terá lugar o domingo 18 ás 21:00 horas.
Nesta noite especial, a Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, interpretará dúas obras compostas para piano e cordas, coa destacada pianista italiana Elisa D’Auria como solista. Recoñecida internacionalmente pola súa defensa do repertorio do Mestre Groba, D’Auria regresa ao Festival para ofrecer a súa interpretación única de dúas pezas do compositor: Soatiña e o Concerto en Arcos.
Completan o programa a Sinfonía nº 10 de F. Mendelssohn e a Sonata para cordas de Carlos Gomes, un dos compositores máis importantes do Brasil e o primeiro compositor sudamericano que logrou que a súa obra fose recoñecida en Europa.
Alcaldesa e tenente de alcaldesa convidan a toda a cidadanía a desfrutar desta ocasión única e a coñecer máis a figura do mestre Groba, “un apaixonado da súa vila natal e que levou o nome de Ponteareas a escenarios de todo o mundo relacionando a nosa vila coa cultura e prolongando a nosa tradición musical”.