Santiago de Compostela | No Salón Nobre do Pazo de Fonseca, primeira sede do Parlamento de Galicia onde foi aprobada a Lei de Normalización Lingüística de Galicia no ano 1983 e raiano co edificio que no seu día fora Sede do Seminario de Estudos Galego, celebrouse a XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega. A convocatoria deste encontro anual fíxose para conmemorar o XL aniversario da LNL e o Centenario da fundación do SEG.
O acto estivo presidido polo Sr. Presidente do Parlamento, don Miguel A. Santalices Vieira, polo Reitor da USC, don Antonio López Díaz, o presidente da Irmandade Xurídica don Xoaquín Monteagudo Romero, o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Galicia, don Luís Villares Naveira, a catedrática de Dereito Administrativo da Facultade de Dereito, dona Alba Nogueira López e dona Carmen Pose, maxistrada.
O acto servíu de homenaxe o ex-parlamentario don Camilo Nogueira Román polo desempeño dun papel estelar na redacción e impulso do proxecto da Lei de Normalización Lingüística de Galicia como deputado na Cámara de representación popular na década dos 80 e a don Carlos Varela García, ex-Fiscal Superior de Galicia por seren unha personalidade relevante para a normalización lingüística no ámbito xudicial desde o seu ingreso na carreira fiscal; ámbolos dous recibiron senllas insignias de ouro da Irmandade e un diploma que lles acredita como Irmandiños de Honra da IXUGA.
Nesta edición ingresaron na Irmandade catorce novos xuristas -maxistrados, avogados e procuradores- que fixeron o habitual compromiso público de potenciar o uso da lingua galega nas súas actividades profesionais.