Allariz | O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, “é unha cita consolidada no panorama paisaxístico e referente a nivel estatal, por ser o único con estas características, que atrae cada ano a preto de 40.000 visitantes”, salientou o presidente provincial, Luís Menor, na inauguración do Festival.
Trátase da décimo cuarta edición deste Festival que nesta ocasión se celebra coa temática “O xardín é unha obra de arte”, ata o 31 de outubro. Alberga doce xardíns efémeros seleccionados de entre case corenta propostas recibidas dende diferentes puntos da xeografía mundial.
O Festival tamén contribúe á concienciación ambiental sobre todo nas xeracións máis novas, xa que conta cunha parcela fixa dedicada sempre as creacións dos centros educativos de Allariz, e ten un enfoque directo cara á sustentabilidade e á adaptación ao cambio climático. Neste sentido, Luís Menor afirmou que o Festival Internacional de Xardíns “contribúe ao desenvolvemento cultural, turístico e medioambiental do concello e, tamén de toda a provincia, sendo así mesmo un importante recurso a nivel local e provincial”. Puxo en valor o carácter “innovador e diferenciador” desta proposta que é “a única iniciativa deste tipo na Península xunto co Festival de Ponte Da Lima”.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz é un espazo que aporta innovación e creatividade, mediante as verdadeiras obras de arte que son os xardíns. Trátase dunha “iniciativa que aporta calidade de vida ao rural e que contribúe a fixar poboación no mesmo, dinamizando a economía local e promovendo o turismo”, engadiu o presidente provincial.