O Covelo | Volve a “Festa do Churrasco” ao campo da Feira do Concello de Covelo e con él a boa gastronomía, a música e as ganas de celebrar en compaña o día de Santiago, patrón do concello. Esta edición virá cargada de novidades para que todos/todas poidamos gozar da mellor xornada de convivencia e xantar popular.
O alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira de Cultura, Lourdes Enes, presentaron xunto a empresarias e empresarios da hostalaría local o cartel das festas que arrincan o 23 de xullo e que, ao longo de tres días, ofrecerán actividades para tódalas idades e arredor de 1.200 quilos de carne de tenreira e porco, 205 kg de chourizo criollo e 130 kg pementos de Arnoia con denominación de orixe.
“É un orgullo poder dicir que milleiros de persoas escollen Covelo para celebrar na nosa compaña o día de Santiago por iso este ano adiantamos a hora e comezaremos a servir churrasco ás dúas da tarde para poder dispor de máis horas de confraternidade e reencontros”, sinala Pablo Castillo.
Por segundo ano consecutivo a hostalaría de Covelo súmase a render homenaxe á carne á brasa e servirá, tamén, esta exquisita e popular receita. Deste xeito, as persoas que se acheguen a Covelo para gozar deste día festivo poderán xantar churrasco con pementos tanto nos bares e restaurantes como ao aire libre no Campo da Feira a un único prezo de seis euros a ración.
Os locais participantes son bar Sebastián en Barcia de Mera, en Maceira o bar Plaza e na Graña o bar Río Tea, o bar do centro social e bar A Graña; na Ermida o restaurante Lemos e no centro urbano o bar O Buraco.
Aposta ecolóxica
Alcalde e concelleira adiantaron que este ano a XLI Festa do Churrasco comprométese co planeta e pásase a un modelo máis ecolóxico. O tradicional prato de barro será substituído por un reciclable e biodegradable e do mesmo xeito o farán os vasos, o garfo e os coitelos. “Era o momento para dar un paso máis na concienciación colectiva e aproveitando que son milleiros de persoas as que comparten con nós esta celebración decidimos deixar no recordo o prato de barro para amosar un pequeno xesto de compromiso coa reciclaxe e a redución de lixo. Ao longo dos últimos anos xa eran moitas as cantidades de pratos e cuncas que quedaban sen recoller e consideramos que era o máis axeitado”, explica Lourdes Enes.
O programa de festas abre con actividades infantís o 23 de xullo ás 20:30 horas nas que as e os máis pequenos bailarán co “Brinca Vai!” de “Ler Conta Moito” na praza Mestre Cerviño. A continuación, ás 22:30 horas, a mocidade tomará a praza para celebrar a Festa da Xuventude Disco Móbil GHZ (Ganjack & Willow)+ Chico López. Dj Pedro Gainza + Dj Mesu + Dj Traffic House + Dj Khris Guez. O 24 de xullo ás 22:30 horas é o turno da gran verbena coa orquestra La Dimensión e con Los Lunes Al Sol.
O día grande arrincará con misa solemne ás 12:30 horas seguida da procesión acompañada pola Banda de Música de Mondariz. Desde ás 12 horas haberá unha edición especial da Mostra de Produtos de Covelo e de Artesanía na carballeira do campo da Feira e ás 13:15 a Banda de Música de Mondariz ofrecerá un concerto na praza Mestre Cerviño.
Outra das novidades desta edición é o adianto na hora, a partir das 14 horas terá lugar a Festa do Churrasco coa gran churrascada no campo da Feira e nos locais de hostalaría. As persoas empadroadas en Covelo gozarán dun desconto e poderán pasar pola Casa do Concello a retirar os tickets ata o 22 de xullo.
Xantar na XLI Festa do Churrasco ten premio, así o adiantan Castillo e Enes, que introducen este ano unha novidade máis, cada número de ticket participará nun sorteo con premios sorpresa que se entregarán a media tarde, así que lembren gardar o ticket. No Campo da Feira a charanga SDK non parará de tocar e de animar turnándose coas actuacións de Breocans ás 16:30 e concerto de Pelepau ás 19:00 horas.
A última das novidades que ofrece esta nova edición da Festa do Churrasco é o Choripan para merendar e cear. Será servido na cantina do Campo da Feira a partir das 19:30 horas a cargo do Club de Patinaxe Covelo que así recadará fondos para as e os seus deportistas. Ás 21 horas actuará a orquestra Talismán pechando así o programa das festas do Churrasco.
Lourdes Enes explica que na programación contemplamos actividades para tódalas idades que se completan coa nosa oferta turística estable de roteiros de sendeirismo e praias fluviais.
A maioría das persoas optan por pasar varios días con nós e aproveitar para descubrir paraxes naturais, tesouros etnográficos e coñecer a gastronomía local”, explica o alcalde.
Excursión guiada para coñecer o patrimonio etnográfico de Covelo
O Concello de Covelo convida a coñecer o seu patrimonio e participar na excursión “En Ruta Coñecer Covelo” este sábado día 16. A inscrición xa está aberta e poderase realizar contactando no número de teléfono 646 600 059. Patrocinada pola Deputación de Pontevedra e organizada polo Concello e a Casa-Museo etnográfico Pazo da Cruz, a excursión ten un custo de sete euros e inclúe o seguro.
A saída será dende a praza Mestre Cerviño de Covelo ás 10.00 h donde o etnógrafo e escritor Maximino Fernández Sendín procederá á explicación da simboloxía e elementos do cruceiro da praza.
A continuación desprazaranse en autobús ao barrio da Ermida para visitar a Casa-Museo Etnográfico Pazo da Cruz, considerado segundo Sendín un dos museos etnográficos máis importantes de Galicia, reúne máis de seis mil pezas de gran valor histórico nunha casa de máis de catro séculos. De aí os e as excursionistas visitarán os pasos de Lourido no río Tea.
Tamén coñecidos como poldras é un sistema de pedras para cruzar os ríos, considerados as primeiras pontes realizadas polo ser hunano. A seguinte parada será na Graña para visitar o dolmen de Rebordechán e a Casa-Museo Leonides que é a vivenda tradicional máis primitiva da comarca, conta cunha eira de mallar o centeo.
A viaxe remata coa visita aos chozos da Serra do Suído para ver de preto estas construcións de orixe medieval na que se protexían da mala climatoloxía os pastores, na cotorna tamén visitarán unha antiga “neveira de montaña” que servían para gardar neve e logo transformala en xeo para comercializar. Ás 14:30 estarán de regreso na praza Mestre Cerviño de Covelo.