Xornada de portas abertas para coñecer o Serradoiro dos Carranos

Organizado polo Concello do Covelo este 21 de xaneiro

O Covelo | O Serradoiro dos Carranos abre as súas portas para acoller unha nova visita guiada totalmente gratuita. Será este domingo día 21 e para participar debemos inscribirnos no número de teléfono que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, 654 500 652.

O Concello de Covelo oferta a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro e a súa aula da natureza nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas.

As visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural. No marco do proxecto RíosAldeasMontañas deséñanse rutas, observación das estrelas nas catro estacións e saídas didácticas para escolares, todas elas de balde e financiadas polo Concello co apoio da Deputación de Pontevedra.

Promover hábitos de vida saudables e difundir a riqueza patrimonial e medioambiental do Concello de Covelo é o obxectivo destas actividades, así o explica a Concelleira de Cultura, Lourdes Enes.

A programación anual do Concello de Covelo permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada que pon en valor o patrimonio cultural e natural.

O serradoiro dos Carranos
O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo.

O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí.

A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.
http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html