Ourense | As Xornadas Internacionais de ecografía clínica reúnen máis de 150 profesionais durante esta fin de semana na cidade de Ourense. O evento, que acolle o Auditorio municipal, está organizado pola Sociedade Internacional de Ecografía Clínica coa colaboración do Concello de Ourense.
Desde o xoves, 18, até o sábado, 20 de maio, son tres xornadas de formación continua para profesionais en materia de ecografía, cun programa científico actualizado, formado por relatorios, mesas redondas e prácticas.
Durante o día de hoxe desenvólvense pola mañá no auditorio mesas sobre Ecografía abdominal e Ecografía músculo-esquelética, e defenderanse 9 comunicacións orais. Pola tarde, haberá obradoiros prácticos de ecografía abdominal e de ecografía músculo esquelética, e unha sesión práctica de diagnóstico de patoloxías con pacientes.
O programa de mañá, sábado, comezará ás 9.00 h cunha mesa sobre Ecografía cardio-vascular-pulmonar, continuará ás 11.15 h cunha mesa sobre urxencias, ás 12.30 coa defensa de comunicacións orais para dar paso ás 13.15 horas á conferencia maxistral, a cargo do convidado especial Daniel Lichtenstein, ecografista-médico intensivista do Hospital Ambroise-Paré (París) e pioneiro na ecografía pulmonar e vascular. Desde as 16.15 horas, haberá un obradoiro práctico de ecocardio e desde as 17.45 horas outro de ecografía de urxencias. Ás 19.15 h, comezará a sesión práctica final de diagnóstico de patoloxías con pacientes; ás 20.00 h, a reunión do comité científico, e ás 20.15 h será o acto de clausura.