O Barco de Valdeorras | Continúan os actos e as homenaxes en torno ao poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), Florencio Delgado Gurriarán. Desta volta no Casino do Barco de Valdeorras.
Alí tiña lugar, na mañá do domingo 24 de abril a xornada literaria organizada por ‘Nós, a Xente do Redor’, o Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) e o propio Casino, que incluíu lectura de poemas do homenaxeado e a presentación de varias publicacións, e á que asistíu unha trintena de intelectuais ourensáns.
O acto deu comezo coa presentación do número 6 da revista cultural Nós, a Xente do Redor por parte de Marina Sánchez, contando coa asistencia da pintora de Millarouso, Lola Doporto, autora da portada da publicación, quen destacou o orgullo que é para ela participar neste proxecto realizado por un grupo de intelectuais de Ourense e coordinado por Avelino Jácome.
A presentación contou asemade coa intervención dos representantes dos outros colectivos culturais organizadores: o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado; o presidente do Casino, Pablo Dobao, ademáis da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. A revista poderase adquirir na Libreria Yoli de O Barco, ou suscribirse no mail de Orixe e Comunicación, orixepublicidade@gmail.com ou no teléfono 988 60 7075, 67243589.
Destacouse a labor realizada polo colectivo de Nós a Xente do Redor en prol da Cultura nas verbas de Aurelio Trincado “un renacemento da cultura mais enxebre e popular” que fixo tamen unha encendida valoración da figura de Delgado Gurriarán e da ligazón do Barco coa literatura e a poesía.
Na xuntanza tamén se presentaron dous libros A Bela Otero, de Miguel Ángel Coello e Historias no fumeiro, de Avelino Jácome. Sobre Historias no Fumeiro, ilustrado por Miguel Ángel Martínez, autor tamén do retrato de Delgado Gurriarán o seu autor asegura que se trata dunha obra destinada a poñer “o sentimento a cocer no lume lento de un pote de saudade sobre a trepia da familia, a aldea e a terra” en palabras de Rafael Quíntia autor de un dos limiares. Avelino Jácome tamén fixo referencia a identifiación coas persoa e xentes do rural que tiraron da nosa cultura.
Como homenaxe a Florencio Delgado que era, unha parte da xornada estivo destinada ao protagonista deste ano do Día das Letras Galegas recitándose varios dos seus poemas. O programa continuou co xantar de confraternización no restaurante San Mauro. O ramo foi a viaxe a Córgomo para visitar a casa e a xeografía de Florencio Delgado Gurriarán e realizouse un roteiro recitando poemas do autor en cada un dos lugares mais representativos. O grupo foi recibido polo alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro. A escolma de poemas realizada por Jávier Eneriz, tivo nas voces de Piedad Valencia persoa moi relacionada con Valdeorras onde estivo de mestra, Rubén Pintos novelista e poeta, e Olga Novoa poeta ourensana.
Para pechar o día, Enrique Álvarez, Aurelio Trincado, Avelino Jácome e Miguel Ángel Martínez Coello depositaron unha coroa de loureiro, no cemiterio onde repousa o autor que cantou o viño, o castrapo e ao galego; “infinda Galicia Sempre”, berraron os asistentes e “viva Valdeorras”.