O Covelo | A Asociación Covelonatural organiza as súas agardadas Xornadas Micolóxicas e Ambientais que comezarán coas actividades para a rapazada do CEIP Antonio Blanco de Covelo. Un ano máis espertarán o interese das e dos máis cativos polo mundo dos fungos silvestres cunha charla didáctica seguida dunha saída para a recollida de cogumelos e a súa posterior clasificación. Logo, exporanas no auditorio municipal.
Aprender interactuando co medio natural é o obxectivo desta xornada programada para o mércores día 8 de novembro e na que o alumnado goza da experiencia e coñecementos dos expertos.
As xornadas continúan o sábado día 11, esta vez para todos os públicos que poderán participar na ruta da mañá con saída ás 10:30 horas dende a praza Mestre Cerviño do centro urbano. Durante a saída, guiada por MycoGalicia Plantae, recollerán cogumelos e aprenderán a identificalos para expolos no auditorio municipal.
Ás 18 horas ofrecerase a charla “Reino Fungi: Lista Vermella e Cambio Climático”. A continuación, ás 20:30 horas, sesión de cine documental para desembarcar directamente no obradoiro de micogastronomía e tapeo/degustación micolóxica no bar O Buraco da man do cociñeiro Iván Méndez, responsable da cociña da Cidade Deportiva do Celta de Vigo.
O sábado día 25 de novembro teremos unha nova oportunidade de adentrarnos no mundo do coñecemento dos fungos e nas súas posibilidades gastronómicas. Ás 10:30 arrincará a ruta guiada por MycoGalicia Plantae para identificar e recoller distintas especies que logo serán expostas. Ás 18 horas impartirase a conferencia “A rede da Vida: a simbiose animais -fungos” con posterior sesión de cine documental. Como colofón final terá lugar un novo obradoiro de micogastronomía tapeo/degustación co chef Iván Méndez no bar Lemos do barrio de A Ermida.
Non faltará a música en directo como fin de festa a esta vixésimo novena edición das Xornadas Micolóxicas e Ambientais organizadas pola asociación Covelonatural en colaboración co Concello de Covelo e a Deputación de Pontevedra. As persoas que desexen participar deberán realizar unha inscrición previa a partir do luns 30 de outubro realizando unha chamada ou enviando un WhatsApp ao número de teléfono 686 621 991. As rutas guiadas terán custo de 5€ por persoa ao igual que a participación nas degustación que terá un prezo de 5€ por persoa para contribuír a sufragar os custos de elaboración.