Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago de Compostela, 7 de abril de 1936) é un político e economista español, dirixente histórico do nacionalismo galego. É o portavoz nacional de Anova Irmandade Nacionalista, partido político de ámbito galego.
Como líder da coalición Alternativa Galega de Esquerda logrou grupo parlamentario propio no parlamento galego.
Tras ser entre 2001 e 2012 o Presidente do Consello Nacional (CN) do Bloque Nacionalista Galego, o seu portavoz no Parlamento de Galicia e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, abandonou o seu cargo directivo para encabezar unha corrente interna denominada “Encontro Irmandiño” que, finalmente, se escindiría completamente do Bloque para constituírse nunha formación independente baixo o nome de Anova.
Continúa ademais á fronte da cátedra de Estrutura Económica da Facultade de Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela. Tamén é un prolífico escritor, ex académico numerario da Real Academia Galega.
Trunfo arrollador; inesperado. Como ves os primeiros pasos dun Parlamento diferente e cunha relación de forzas tan dispares?
O resultado foi totalmente inesperado, pero moi revelador: demostrou que as consideradas como ‘misións imposíbeis’ son posíbeis cando se asume o risco de apostar pola cidadanía máis crítica cun sistema depredador e un rexime político que agrede ás xentes do común. Esas xentes constituen o motor da maioría social que está a protagonizar unha rebelión cívica cada vez máis potente e radical, e que non se sente representada polas opcións maniatadas polas convencións da política institucional ao uso: son elas as que puxeron a sua esperanza na AGE. Mesmamente, os primeiros pasos do Parlamento galego nesta nova lexislatura puxeron de manifesto que a AGE representa unha nova cultura política reivindicadora dos valores democráticos e republicáns da esquerda nunha cámara de representantes eivada polos ‘compromisos podres’ -como xa se viu no primeiro acto parlamentar: a eleición da Mesa.
AGE é a moza republicana, cobizosa, insatisfeita e respondona que se presenta en sociedade nun casino de fachas, viciado, acomodaticio; con quen vai iniciar o seu primeiro baile?
Non imos bailar con ninguén. Imos levar á cámara as reclamacións e alternativas formuladas pola cidadanía máis agredida polos poderes que gobernan contra ela, e non a prol dela.
AGE ten dous polos; un que mira máis o conxunto do Estado e outro centrado en Galicia como nación; estás seguro de poder controlar estas dúas caras da mesma formación?
Non é preciso controlarmos nada, porque o noso grupo parlamentar vai traballar como unha equipa compenetrada e solidaria.
Pode EU ter a tentación de voar pola súa conta agora que conseguiu grupo parlamentario propio?
Esa pregunta tería que contestala EU, mais estou seguro de que contestaría o mesmo ca min: o grupo parlamentar é da coalición ‘Alternativa Galega de Esquerda’, e non de EU, nin de ANOVA -nin tampouco do Espazo Ecosocialista nin de Equo, que tamén forman parte da coalición. Unha coalición que naceu mesmamente para defender un programa común no Parlamento da Galiza.
ANOVA acaba de nacer. Ten que crecer para posicionarse con firmeza no panorama nacionalista galego; cales son as claves en que se vai configurar esta nova partitura?
ANOVA naceu para encarnar unha nova cultura política nacionalista de esquerda e verquela nun proxecto estratéxico que sobarda por completo tanto o ámbito da polìtica parlamentar canto o horizonte temporal dunha lexislatura. É un proxecto que cómpre construír e desenvolver no seo da sociedade civil cun horizonte rupturista co apodrecido rexime político actual. Un proxecto emancipador e transformador, tanto no eixo da soberanía nacional do povo galego canto no das condicións materiais e culturais de existencia das clases sociais esmagadas por un aberrante sistema depredador e explotador que as escraviza.
Estase a falar dunha volta á conxunción das forzas nacionalistas. Cres que tería viabilidade tal como quedaron os compoñentes do BNG logo de Amio? Cales serían as esixencias de ANOVA para entrar nese novo partido? Podería seguir chamándose BNG ou habería que buscarlle outra denominación?
Creo que o BNG está a rematar o seu ciclo histórico, e que o novo nacionalismo emancipador galego está a nacer con ANOVA, que é o seu xérmolo.
Feijóo ten maioría de escanos pero non de votos; a abstención foi importante. Cal debe ser o papel da oposición para defender eses votantes que non creron nas urnas, que non son do PP pero que non están representados no Parlamento?
Se vos desvelase a nosa estratexia ao respeito merecería a imediata destitución. Canto a ‘oposición’ no seu conxunto -se é que o é realmente- está por ver como actuan os demais grupos, e non vou falar por eles, naturalmente.
Avanza tres cuestións inaprazables que vas poñer sobre a mesa unha vez iniciada a lexislatura.
Non hai tres: hai un feixe delas -e tampouco volas vou revelar por adiantado.
Cres que Feijóo pode ter a tentación de gobernar sobre as matemáticas e non sobre a realidade social?
Nunca fixo outra cousa, e non vai mudar de conduta. Impórtalle pouco a ‘realidade social’: limítase a dicir e facer o que lle mandan os auténticos poderes, ou sexa, o contrario do que necesitan os cidadáns do común.