Xosé Represas, designado pola FEGAMP como representante titular na “Comisión Superior de Urbanismo de Galicia”

O alcalde de Ponteareas será un dos catro alcaldes galegos que participen, como titulares, nas reunións do organismo consultivo adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Ponteareas | O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, será un dos catro alcaldes galegos que formen parte da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en calidade de representante titular da Fegamp no seo deste organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

O secretario xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias, Eduardo Ramonde Rodríguez, así o comunicaba ao rexedor ponteareán nun escrito datado o 5 de abril. Xosé Represas convértese, deste xeito, no representante na Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, dos concellos galegos con poboación entre 20.001 e 50.000 habitantes. Os outros tres alcaldes elixidos pola Fegamp, representarán aos concellos con poboacións de menos de 5.000 habitantes; de 5.000 a 20.000 habitantes e de máis de 50.000 habitantes.

represas

 

Xosé Represas amosaba a súa satisfacción polo seu nomeamento “non só pola satisfacción persoal”, explicaba o alcalde de ponteareán “senón porque é un recoñecemento a importancia que Ponteareas ten non conxunto dos municipios galegos”.

Salientaba Represas que Ponteareas representará, na Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, “a concellos como Narón, Vilagarcía e mesmo Oleiros, situados entre os dez primeiros municipios de Galicia en número de habitantes”.

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia é un órgano colexiado, de carácter consultivo en materia de urbanismo, adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A Comisión está formada pola titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, unha persoa representante por cada unha cas consellerías da Xunta de Galicia con competencias con incidencia directa ou transversal nas cuestións urbanísticas obxecto de sometemento á Comisión Superior de Urbanismo; unha persoa representante da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística e outra do Instituto Galego da Vivenda e Solo; o/a titular da dirección da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia; os presidentes ou presidentas das catro Deputacións Provinciais; os catro alcaldes elixidos pola Fegamp representantes dos concellos distribuídos por franxas de poboación; catro vogais elixidos pola Consellería e un vogal en representación de cada un dos colexios oficiais con competencias en temas urbanísticos.