Cadernos da Viaxe
De certo que habería fendas na instrución do caso de Marta del Castillo, na presentación de probas por parte da acusación e mesmo na súa avaliación polo Tribunal. De certo que hai que ir a unha investigación penal dirixida pola Fiscalía na que o Xuiz de Instrución limite o seu labor a garantir os dereitos (nomeadamente o de defensa) dos imputados e a igualdade entre as partes, sen se contaminar coa actividade instrutora. De certo, tamén, que hai que mellorar a loita contra esta caste de delictos cometidos por persoas aparentemente integradas na sociedade, que semellan dispór de toda caste de información, axuda e mesmo coñecemento para cometer os seus crimes.
Mais non podemos perder de vista que vivimos nun réxime de liberdade e democracia. E este réxime obriga a sermos máis coidadosos na prevención da condena do inocente mesmo ca no castigo ao culpábel. E nos dimos, democrática e históricamente, varias regras do xogo. En virtude da presunción de inocencia. todos somos inocentes até sermos condenados por sentenza definitiva. Ésta só pode basearse, alén de dúbidas razoábeis, en probas directas ou indicios relacionados entre si a medio dun razoamento directo e racional. E, de fallar a proba ou non ser abonda, compre aplicar o principio “na dúbida a favor do reo” e absolvelo. Aínda que non se demostrara a súa inocencia ou haxa indicios non concluintes de culpabilidade. E a Lei, tamén, recoñece o dereito de todo reo a non declarar ou non se confesar culpábel, o que proscribe o uso do polígrafo, da tortura psicolóxica ou da droga da verdade.
O que ocorreu neste caso é que vivimos, como tantas outras veces, un xuizo paralelo nas TV (nomeadamente en A3 e T5) que competían en audiencia presentando o caso do xeito máis sensacionalista do que foron quén. E esta tolemia en espiral xera esa falsa sensación de que o sistema protexe aos delincuentes, cando o sistema español é, dos europeos, de penas máis duras e adoito cumpridas íntegramente “a pulso”.
A arrincadeira
A UPG e os seus aliados internos confirmaron a Guillerme Vazquez e Paco Jorquera na súa cualidade de candidatos á Portavocia Nacional do BNG e á Presidencia da Xunta. Semella que na vindeira cita congresual dos nacionalistas non existirá solución de consenso e si confrontación democrática. O problema vai ser a convivencia dos dous proxectos que cohabitan no BNG despois do 29.