A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu esta mañá o acto de entrega de galardóns da XXXI edición dos premios Prismas Casa das Ciencias Divulgación Científica, unha iniciativa dos Museos Científicos Coruñeses que pretende potenciar a difusión da cultura científica, así como apoiar a todos os e as profesionais que traballan neste eido. Nesta edición, os Prismas de bronce foron a parar a distintos proxectos como un vídeo que falar sobre os ritmos cardíacos e as súas implicacións na vida cotiá, un blog sobre matemáticas, un libro que explica o funcionamento das vacinas e a súa seguridade, un artigo sobre o emerxente e non regulado mercado de venda de fósiles, así como una peza radiofónica que recrea o debate de dous astrónomos con teorías opostas sobre a orixe do universo. O Prisma especial do xurado foi recaer na matemática e divulgadora Clara Grima “polo seu compromiso e versatilidade á hora de transmitir coñecemento”.
No acto, no que tamén participaron o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, así como o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e compoñentes do xurado, o rexedor quixo destacar o labor das persoas que se dedican á divulgación científica, con especial atención ao papel das mulleres dedicadas á investigación e a difusión de coñecemento, para o que puxo como exemplo os e as traballadoras dos propios museos da cidade: Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae.“Con esta entrega de Premios Prismas, o Concello da Coruña e o seu goberno local queren referendar o seu compromiso coa divulgación científica e a democratización do coñecemento a través dos grandes museos da nosa cidade. Seguiremos ampliando a súa oferta xa que, de feito, en poucas semanas acolleremos tres novas exposicións, así como continuaremos ampliando e mellorando os seus equipamentos, como fixemos este mandato coa creación da sala Maker na Domus ou como faremos nas obras de mellora previstas na Casa dos Peixes ou nas propias escalinatas da Domus”, salientou o primeiro edil.
No marco do seu discurso, Ferreiro tamén salientou que os premios Prismas “axudan dende hai anos a visibilización das mulleres que se dedican á ciencia e, de paso, a desmontar mitos como os que relacionan o pensamento científico co xénero masculino”. Ao fío, o mandatario convidou á cidadanía a participar nas charlas que acollerá a Domus entre 21 de novembro e 19 de decembro dentro da programación do Mes Escéptico e que estarán protagonizadas, na súa maioría, por divulgadoras científicas.
Nesta XXXI edición presentáronse un total de 250 traballos, encabezados pola modalidade de artigos xornalísticos, con 75, libros editados con 49, vídeos con 41, traballos en radio con 37, sitios web e redes sociais con 29, e textos inéditos con seis.
Cadro de honra 2018
Mellor traballo en vídeo: El reloj interno, presentado por Pere Estupinyà.
Mellor sitio web/rede social: Gaussianos, blog presentado por Miguel Ángel Morales Medina.
Mellor libro editado: ¿Funcionan las vacunas?, orixinal de Ignacio López-Goñi e Oihan Iturbide, da editorial Next Door Publishers.
Mellor artigo xornalístico: Se vende animal extinto por un euro, orixinal de Nuño Domínguez e publicado no diario El País.
Nota de Prensa
Mellor traballo en radio: Radioscopio: viaje a Lovaina, presentado por Susana Escudero Martín, Emilio J. García Gómez-Caro e José M. Álvarez Estévez, emitido en Radio Andalucía.
Prisma Especial do Xurado: Clara Grima Ruiz.
Ademais o xurado otorgou as seguintes mencións honoríficas:
– Na modalidade de sitio web/rede social: á canle de Youtube IFT Madrid, presentado polo Instituto de Física Teórica IFT da Universidad Autónoma de Madrid-CSIC.
– Na modalidade de libro editado: Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas duhna viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño e editado por Edicións Xerais de Galicia.
Pola súa banda, o xurado dos Premios Prismas está presidido por Carmen del Puerto Varela, xefa da Unidad de Comunicación y Cultura Científica do Instituto de Astrofísica de Canarias, e conta entre os e as súas integrantes a: Águeda Gras Velázquez, directora do departamento de educación das ciencias de European Schoolnet, Michele Catanzaro, xornalista freelance, Andrés Martínez Lage, profesor titular da Universidade da Coruña, Joana Castro Barros, coordinadora da Associação Viver a Ciência, Oscar Sánchez López, vogal da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses, que actuou como secretario.