Pontevedra | O conselleiro de Medio Rural, José González, destacou hoxe que o viño de Rías Baixas está posicionado nos mellores mercados e que segue por unha senda de “colleita de éxitos” en números e -especialmente- en calidade, ata o punto de que nesta denominación elabórase “un dos mellores viños brancos do mundo”.
O titular de Medio Rural, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na xornada de presentación do Plan director 2030 da denominación de orixe Rías Baixas ás adegas desta DO. Neste acto, puxo en valor o traballo dos homes do viño, que propiciaron un cambio “espectacular” nesta zona de produción e a súa tradición vitivinícola milenaria, que se viu reforzada desde a constitución do Consello Regulador, remarcou.
Nesta liña, o conselleiro amosou a súa gratitude aos 5.000 viticultores e 179 adegas que conforman esta DO e que -salientou- “fan posible que Rías Baixas sexa coñecida e recoñecida pola produción de viño de calidade”. Do mesmo xeito, González trasladoulles os seus parabéns por ter logrado un récord na vendima deste ano, que se converteu na mellor colleita do último decenio, superando xa os 44 millóns de quilos, o que supón un 22% por riba da media dos últimos dez anos e un 8% máis en relación coa campaña anterior.
Apoio da Xunta
Neste contexto, o conselleiro fixo fincapé no apoio da Xunta a esta denominación, que cualificou como “tanxible, fehaciente e constante” e que cuantificou nos 8,7 millóns de euros investidos nos últimos dez anos en concepto de funcionamento, control e promoción. Estes fondos, recalcou, permiten garantir o bo funcionamento deste Consello Regulador.
Ademais, José González trasladou que este apoio tamén se manifesta a través de políticas activas no territorio, con especial mención á Lei de recuperación da terra agraria e, dentro dela, aos polígonos agroforestais. A maiores, nesta mesma liña de apoio mencionou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas. En concreto, referiu que se trata dunha planificación destinada a medrar “con sentidiño”, consolidando o sector vitivinícola galego como referente e localizacións -caso das Rías Baixas- como principais destinos turísticos. Algo que, reafirmou, “xa o é na práctica, pero que, ademais, tratamos de impulsar aínda máis”.
Plan director de Rías Baixas
O Plan director 2030 da denominación de orixe Rías Baixas partiu dunha serie de entrevistas e enquisas a expertos, adegueiros e consumidores para elaborar unha folla de ruta sobre canto, onde e como debe crecer esta DO, na súa condición de produtora dun viño de referencia nacional e internacional.
Así, entre as principais conclusións deste plan, apóstase por máis volume (sen perder calidade), máis internacionalización, máis elaboración de viños premium e máis sustentabilidade e innovación, coa vista posta en duplicar o valor da denominación, compartindo algúns fins coa futura Lei da calidade alimentaria, que se atopa actualmente en trámites no Parlamento. En particular, márcase como obxectivo concreto o de incrementar nun 50% as exportacións ao mercado norteamericano e británico e aumentar en cinco millóns de litros as vendas no mercado nacional.
Proxecto europeo sobre cambio climático e reto demográfico
O directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na segunda reunión de stakeholders -grupos de interese- galegos que forman parte do proxecto europeo Down to Earth, do que a axencia é o socio líder. Esta iniciativa, na que están presentes entidades públicas e privadas de Eslovenia, Italia, Alemaña, Grecia, Países Baixos e Romanía, busca xestionar os problemas ambientais vencellados ao cambio climático en áreas rurais especialmente sensibles ao reto demográfico.
As distintas entidades que participan, contan con competencias e responsabilidades, tanto directas como indirectas, sobre as cuestións nas que traballan. A procura de solucións para reducir o risco e o impacto das catástrofes medioambientais no rural despoboado e atraer poboación a aquel que estea ameazado por ditos desastres, son os seus obxectivos.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aposta firmemente por este proxecto e é a entidade que máis aporta, cun investimento superior aos 250.000 euros procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Ademais, mantén o seu compromiso de coordinar as transferencias de información e coñecemento entre os socios que constitúen o eixo central do proxecto.
Nos grupos de interese galegos, para os que se destinou a reunión de hoxe, atópanse as universidades de A Coruña, Santiago e Vigo; a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, diferentes direccións xerais da Consellería do Medio Rural e de Política Social e Xuventude; e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Na xornada abordáronse os resultados do estudo da visita a Campobasso (Italia), presentouse o informe rexional sobre riscos medioambientais, despoboamento e rural galego, e rematouse cunha sesión interactiva entre todos os participantes.
Tres liñas de actuación
Down to Earth dispón de varias temáticas de traballo que teñen en conta a realidade de cada un dos territorios implicado. A primeira son os riscos ambientais vencellados ao despoboamento e ao envellecemento da poboación nas áreas rurais.
A segunda, as barreiras de acceso ao rural despoboado e envellecido para a xente nova que quere incorporarse ao sector primario. Por último, traballan nos instrumentos para fortalecer o papel dos actores de dito sector na loita contra o cambio climático e a prevención dos riscos ambientais nas áreas rurais.
Para levalas a cabo, as sesións de traballo inclúen visitas de campo ou talleres dixitais e tamén a elaboración de informes territoriais sistemáticos e conclusións operativas para a toma de decisións sobre o terreo. En definitiva, este proxecto europeo permitirá amosar as posibilidades e potencialidades das aldeas modelo, das que Galicia conta con 21 aprobadas a través da Lei de recuperación de terra agraria, e do proxecto Aldeas intelixentes.