A Xunta de Galicia amplía solo industrial para a PLISAN

Aberta a licitación ata o 31 de xaneiro de 2025

Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia abre o prazo de presentación de ofertas para a ocupación de preto de 100.000 m² de solo industrial na plataforma loxística e industrial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan).

Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), as empresas interesadas en instalarse nesta área loxística empresarial poderán solicitar a súa participación na poxa pública desde hoxe ata o vindeiro 31 de xaneiro, tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie.

Actualmente, xa están adxudicadas un total de 13 parcelas que ocupan: Albo, Lonza Biologics, Frinsa, Gainser Instalaciones, o Grupo Tecnolóxico Arbinova e o Centro Loxístico da Plisan. En concreto, están vendidos 40.921,85 m² e 179.366,71 m² están adxudicados en dereito de superficie. Esta iniciativa vai en liña liña coa nova medida aprobada pola Xunta de poñer á disposición do tecido empresarial galego máis de medio millón de metros cadrados de solo industrial gratuíto durante os primeiros oito anos, co obxectivo de facilitar o asentamento de novas industrias capaces de xerar riqueza e emprego na comunidade.

Así, a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos deste ano tamén incorporará novas figuras para crear solo industrial en zonas de alta demanda empresarial que, ademais, terán que ter zonas de reserva enerxética próximas. Todo isto, no marco do traballo que vén facendo o Goberno galego para elaborar unha planificación de solo industrial adaptada ás necesidades das empresas.