Mos | O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo visitaron o centro de saúde de Mos para dar a coñecer aos profesionais as características do novo centro de saúde que se vai a construír no antigo hospital de O Rebullón. Na visita estiveron acompañados polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente.
A construción do novo centro de saúde de Mos está recollida na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria e ven motivada pola necesidade de adaptar as instalacións deste centro que conta xa con 28 anos de antigüidade e que é preciso dimensionar ao crecemento do concello para asumir de maneira óptima a crecente carteira de servizos.
O goberno galego decidiu inserir este novo centro dentro dun proxecto integral de creación dun complexo sociosanitario no antigo hospital do Rebullón, onde compartirá espazos con outras dotacións como un centro público de coidados intermedios, unha nova escola infantil ou unha residencia para persoas maiores.
Incremento de espazos
Este proxecto reserva para o novo centro de saúde máis de 2.300 metros cadrados dentro do edificio do antigo hospital, o que supón un incremento de superficie dun 44% fronte aos 1.641 m2 do actual centro.
Esta ampliación de superficie permitirá crear dúas consultas máis de docencia, para incrementar o número de residentes que se poderán formar no centro ou crear unha área pediátrica específica, que una as consultas de pediatría e enfermería especialista con salas de técnicas e polivalentes específicas para a atención de nenos e nenas.
Ademais, o futuro centro incorporará novos espazos non existentes no actual como unha sala de educación sanitaria ou un despacho propio para o persoal de traballo social. E incrementará de unha a a catro o número de salas polivalentes para adultos, permitindo reservar unha para a atención de pacientes con infeccións respiratorias e outra para urxencias mentres as demais poden seguir usándose para a realización de técnicas. Nese sentido, cómpre recordar que o centro de saúde de Mos foi dotado nos últimos anos con dous espirómetros, dous electrocardiógrafos, un desfibrilador e un hólter de presión arterial ao abeiro do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021.
Renovación de infraestruturas
A construción deste novo centro significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria. Así, dende 2009, a Xunta construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 67.000 metros cadrados.
En particular, na área sanitaria de Vigo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar e Bouzas (Vigo), e as reformas de Tomiño, Crecente, Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de ampliación do centro de saúde do Porriño.
Ademais, xa están adxudicadas as dúas obras contempladas na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en 2021: o Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia en Vigo e o novo centro de saúde de Moaña.
A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65% ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021 que contaba co fondo extraordinario COVID.