O Pereiro de Aguiar | A Xunta de Galicia vai ampliar o Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey para dar cabida á matrícula crecente en Educación Infantil e Primaria. Para tal fin, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, asinaron esta mañá un protocolo de actuación xeral no que se establecen as bases para levar a cabo esta acción. No acto tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
Xunta e Concello analizarán as opcións posibles para evitar que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria teña que desprazarse a Ourense para cursar estas ensinanzas mediante a implantación das mesmas no Pereiro. Segundo explicou Román Rodríguez, o protocolo vén derivado dun contexto de crecemento demográfico constante desde o ano 2002 que, no caso da poboación de cero a 18 anos, “experimenta unha suba do 80%”. Isto tradúcese “nun incremento de ata 203 alumnos no ensino secundario obrigatorio para os vindeiros cursos”.
O titular de Educación do Goberno galego puxo este acordo como un exemplo “de colaboración interinstitucional ao servizo da cidadanía” e agradeceu a estreita colaboración co Concello do Pereiro de Aguiar “nunha decisión que vai incidir directamente nos mozos e mozas desta localidade”.
A habilitación de novos espazos para Infantil e Primaria no Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey sumarase ao conxunto de melloras das que xa foi obxecto o centro educativo nos últimos anos cun investimento de máis de 1,1 millón de euros da Xunta de Galicia, e nas que destacan o cambio de ventás (389.000 euros) ou a pavimentación das pistas deportivas exteriores (máis de 91.000 euros). Actualmente neste centro cursan os seus estudos un total de 257 alumnos, 84 deles na etapa de Educación Infantil e 173 na de Primaria.