Santiago de Compostela | Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia, presentou a programación da Xunta de Galicia do 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade, que incluirá música, reflexión e arte para conmemorar un recoñecemento, dixo “que chegou despois de que seis anos antes fose declarado primeiro itinerario Cultural Europeo e que recoñeceu a súa achega histórica pero tamén o seu renacemento como senda vida e espazo de encontro plural, solidario e aberto, que mantén intacto a día de hoxe”.
Como explicou, os actos arrancan este domingo 10 desde o que se sucederá unha semana de conmemoracións coa que o Goberno autonómico, tamén recordará o Xacobeo 93, “un evento dese mesmo ano que soubo responder á perfección aos retos do incremento de afluencia a Santiago que ocasionou aquel Ano Santo. Foi un evento que constatou a importancia da ruta xacobea como motor socioeconómico de Galicia”.
Coa intención de reflexionar sobre estes aspectos, o traballo feito nestas tres décadas, e sentar as bases dos retos e oportunidades por diante, as conmemoracións da Xunta de Galicia implicarán a distintas institucións, ademais da sociedade civil, con presenza do mundo académico, moi importante na configuración do fenómeno contemporáneo da peregrinación a Compostela.
Programación
Así, o 10 de decembro, data na que o Camiño Francés obtivo este recoñecemento comezan as celebracións. “Nesa xornada, imos encher a cidade de Santiago de Compostela do son das campás, tendo tamén moi en conta que o repique manual é Patrimonio Inmaterial da Humanidade desde hai un ano”, explicou Xosé Merelles.
Así, en colaboración coa Asociación Campaneiros de Galicia repicaranse a media mañá as campás da Catedral de Santiago de Compostela, así como de distintas igrexas de Santiago e a Colexia de Sar. Pola tarde iluminarase de xeito especial a Torre do Reloxo, a Bereguela, unha acción que estará activa durante toda a semana que vén en conmemoración do 30 aniversario.
O martes 12 o Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a inauguración da exposición Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago, comisariada por Francisco Singul. Trátase, como explicou o director de Turismo de Galicia, dunha mostra que analiza “o exercicio da hospitalidade xacobea, tan importante nestas tres décadas a través dunhas coidadas imaxes fotográficas en branco e negro e en cor no Camiño Francés”.
Realizadas entre os anos 1990 e 2014 son autoría do fotógrafo e peregrino Manuel G. Vicente e amosan hospitais e albergues do Camiño, o traballo dos hospitaleiros, entre outras cuestións.
Está previsto organizar actividades paralelas para os seus visitantes que incluirá un xogo a modo de ‘scape room’ virtual do 12 ao 17 de decembro para nenos a partir de 9 anos e tamén poderán participar adultos.
Coa axuda dunhas gafas virtuais os participantes irán solucionando retos formulados por Rina Calixtina, protagonista do proxecto Vexo veo Xacobeo. Empregaranse as mecánicas da realidade virtual, coa temática do Camiño de Santiago e a actividade será guiada e supervisada por un monitor cunha duración de 10 minutos. Para máis información e suscricións no enderezo vexoveoxacobeo@gmail.com.
Novo libro e concerto
Ao día seguinte, o mércores 13 de decembro, a Igrexa de San Martiño Pinario acollerá un concerto aberto ao público para escoitar música do Códice Calixtino e as Cantigas de Santa María de Afonso X.
Interpretado polo grupo Malandaça e dirixido por Francisco Luengo, realizarase un programa de música sacra dos séculos XII e XIII vinculada coa peregrinación. Será un concerto gratuíto ás 19,00 horas con asistencia libre ata completar a cabida. A recollida previa de entradas será a partir deste xoves 7 na Oficina do Peregrino de Carretas e na Oficina de Turismo de Galicia situada na Casa do Deán.
A Semana do 30 Aniversario tamén incluirá o xoves 14 a presentación do libro Cronoloxía Xacobea, unha visión de conxunto das peregrinacións compostelanas, de autoría do escritor Manuel F. Rodríguez.
O libro desenvolve unha cronoloxía por séculos e días concretos feitos históricos e personaxes vinculadas co Camiño de Santiago, Compostela e a súa Catedral desde o século VIII ao século XXI.
Investigación e debate
“Os seguintes dous días, o venres 15 e o sábado 16, será a quenda da reflexión e encontros académicos nos que imos afondar no pasado, pero tamén no presente e no futuro do Camiño de Santiago”, expresou Xosé Merelles. Así, o venres 15 reunirase o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, órgano asesor da Xunta de Galicia composto por recoñecidos estudiosos de distintos países.
Presentaranse tamén as actas do XII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, a publicación máis importante sobre o Camiño de Santiago dos últimos anos polo nivel de investigación e novas achegas. O libro recolle as conclusións de todos os relatorios do Congreso Internacional organizado polo Comité e a Xunta de Galicia, celebrado no Xacobeo 21-22.
O sábado 16 será o acto central da efeméride. Na compaña de rexedores e representantes da Asociación de Municipios de Camiño de Santiago, así como dos rexedores galegos dos concellos polos que pasan camiños xacobeos de Galicia, asociacionismo e o mundo académico vinculado coa ruta xacobea, afondarase no Camiño de Santiago desde diferentes perspectivas. O urbanismo, a sustentabilidade, o patrimonio, as políticas públicas, a arte, a historia con mesas redondas cun salientable espírito europeísta, que permitirán repasar estas tres décadas e reflexionar sobre o futuro.
Contarase, entre outros, con persoas que viviron de preto aquel momento do ano 1993, como Víctor Vazquez Portomeñe. Tamén co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo ou Javier García Turza, profesor titular de Historia Medieval da Universidade de La Rioja e membro do Comité Internacional de Expertos, así como representantes das principais asociacións e hospitaleiros voluntarios, entre outros.
Nas fotos, Xosé Merelles Remy, director de Turismo de Galicia e O Cebreiro, porta da entrada a Galicia do Camiño Francés.