Vigo | O secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, visitou este 6 de outubro a sede da Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA) para constatar de primeira man a recolección e xestión de axuda humanitaria a Venezuela, no marco do programa “Axuda Humanitaria Venezuela José Gregorio Hernández”.
Na sede de FEVEGA en Vigo estiveron presentes, ademais de Rodríguez Miranda, a Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Táboas, o presidente de FEVEGA e da Asociación “Amigos de Venezuela en Vigo”, Manuel Pérez, e a presidenta da Asociación de Pensionados e Xubilados de Venezuela en Galicia (APEJUVEG), María Fernanda Ruíz Martín, así como membros da comunidade venezolana residente en Vigo.
FEVEGA e as súas nove asociacións membro colaboraron na recolección de máis de tonelada e media de medicamentos, material sanitario e cirúrxico que será enviado a Venezuela de maneira urxente, vía marítima e aérea, durante este mes de outubro, contando coa colaboración loxística da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.
O material colleitado para a axuda humanitaria será canalizado e xestionado en Venezuela a través da Irmandade Galega de Venezuela (HGV), en nome do seu presidente José Antonio Alejandro, para o seu posterior envío a ancianatos e outras ONG de axuda á infancia que forman parte deste programa.
A HGV ten participado nestes programas de axuda humanitaria con FEVEGA, coordinando igualmente a recepción e envío cara outras ONGs como Cáritas e Cruz Vermella en diversos puntos do país sudamericano.
Entre os medicamentos enviados destaca o Clexane, un anticoagulante que, segundo testemuños desde Venezuela, serviu para salvar centos de vidas nestes difíciles momentos determinados polos efectos da pandemia da COVID-19.
Ademais da axuda humanitaria a Venezuela, Rodríguez Miranda aproveitou para informar sobre a posta en marcha do programa de bolsas universitarias BEME 2021, que beneficiou a máis de 200 estudantes provenientes de países de América Latina, Europa e Asia.
Neste sentido, a actual edición das Bolsas BEME determinou que Arxentina desbancou a Venezuela como o principal país emisor de estudantes cara ás tres universidades galegas, sendo estas a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade da Coruña (UDC)