A Guarda | A Xunta de Galicia e o Concello de A Guarda anunciaron hoxe o inicio das obras da nova escola infantil deste municipio. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez; e do alcalde do municipio, Antonio Lomba Baz, visitou hoxe o comezo desta actuación coa que se mellorarán as posibilidades de conciliación das familias da zona.
O investimento ascende a 692.000 euros, dos cales a Administración autonómica achega 410.000 (cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder) e o Concello os 282.000 restantes. O prazo de execución é de 14 meses, polo que se prevé que o centro entre en funcionamento para o curso 2022-2023.
Os traballos que veñen de iniciarse consisten na rehabilitación integral da que fora vivenda dos mestres e do comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde, onde se emprazará a nova escola infantil. Este novo servizo contará con 41 prazas distribuídas en tres unidades; un espazo de usos múltiples; aseos; cociña e estancias para o persoal do centro.
Rede autonómica
Unha vez que as obras estean rematadas, a Xunta ocuparase da contratación e dos custes do equipamento necesario para a entrada en funcionamento da escola, que se xestionará a través da rede pública autonómica, de acordo co modelo de cofinanciamento acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O xerente do Consorcio destacou a importancia desta intervención, que fará máis doado ás nais e pais da Garda e dos concellos limítrofes compaxinar as súas vidas laborais e familiares. Coa nova escola infantil a ratio de cobertura de prazas públicas e de iniciativa social de 0 a 3 anos nesta localidade pontevedresa elevarase ata o 49%, 16 puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.