Ponteareas | O delegado territorial da Xunta na provincia de Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu hoxe ao centro de saúde de Ponteareas xunto á alcaldesa da localidade, Nava Castro, para detallar os investimentos por case 200.000 euros que acometerá o goberno galego este ano neste centro. Na visita estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto.
Reguera salientou que a Xunta vén de licitar a instalación, por 181.500 euros na renovación do equipo de radioloxía do centro de saúde ponteareán. A substitución da actual sala de raios X, dun só detector, por unha nova sala con dous detectores permitirá duplicar a capacidade do servizo de radioloxía desta localidade.
Este equipo inclúese na licitación que o Sergas publicou este mes para a adquisición de novas salas de raios X dixitais en centros de saúde de toda Galicia. Deles, un total de 4 destinaranse a centros de saúde da provincia de Pontevedra, o que supón un importe total de 695.750 euros.
Deste xeito, a Xunta reforza o seu propósito dunha atención primaria máis eficaz e eficiente, cunha maior capacidade diagnóstica para mellorar a prevención da enfermidade e evitar, así, posibles complicacións posteriores nos pacientes.