Santiago de Compostela | A Xunta asinou hoxe co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana o convenio que permitirá cofinanciar con fondos europeos a rehabilitación de 3 vivendas localizadas no número 20 da rúa Bispo Castañón, que se destinarán a alugueiro social entre os demandantes inscritos neste municipio no Rexistro único de vivendas protexidas.
O inmoble foi adquirido no seu día polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no marco do Programa Rexurbe e o investimento previsto para a execución das obras ascende a 740.541,18 euros. Desta contía, case o 81% (590.541,18 euros) financiarase con achegas propias da Xunta e o resto, serán fondos procedentes da Unión Europea.
Cómpre lembrar que todas as vivendas de nova construción ou rehabilitadas financiadas con fondos europeos no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deberán destinarse a alugueiro a prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.
Ademais, a actuación prevista pola Xunta no concello de Tui enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada polo Goberno galego o pasado mes de marzo e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas no horizonte do ano 2026.