Santiago de Compostela | O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse cos responsables da AECT Rio Minho no marco da rolda de contactos coas distintas AECTs da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal Valença do Minho (Portugal) A xuntanza serviu para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho.
Xunto co director xeral, asistiron o director da AECT Rio Miño e alcalde da Guarda, Roberto Álvarez; o vicedirector e alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; o presidente da CIM Alto Minho e alcalde de Melgaço, Manoel Batista, e os alcaldes de Salvaterra, Marta Valcárcel, de As Neves, José Manuel Alfonso e de Tui, Enrique Cabaleiro.
Ademais de tratarse temas de actualidade relacionados co funcionamento da institución, examináronse aspectos vinculados coa cooperación transfronteiriza co obxectivo de mellorar as condicións e a calidade de vida da cidadanía das zonas limítrofes, potenciando as relacións entre territorios.
Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca, que xunto coa AECT Galicia-Norte de Portugal, comprenden todas as AECTs da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Mentres que a GNP-AECT comprende toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, as outras AECTs son de carácter mais local. A AECT Chave-Verín abrangue estes dous concellos, e a nova AECT toma como base a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês- Xurés e incluirá toda a raia seca entre a AECT Río Miño e a AECT de Chaves-Verín. As Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) buscan impulsar a cooperación territorial, en especial aquela de carácter transfronteirizo, entre institucións de dous ou mais países, dotándoas de personalidade xurídica.
O seu obxectivo fundamental é facilitar e promover a cooperación territorial entre os seus membros a través de, entre outras, as accións que lle sexan confiadas para a execución de programas ou de proxectos cofinanciados principalmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo, ou o Fondo de Cohesión.